Identifican sete mozos, seis deles menores, por facer unha festa nun baixo de Sanxenxo
Por Redacción
Sete mozos, entre eles seis menores de idade, foron identificados pola Policía Local de Sanxenxo por celebrar unha festa nun baixo da rúa Vigo, incumprindo as restricións decretadas pola pandemia da covid-19.
Os axentes acudiron ao lugar alertados polos veciños. Ao chegar comprobaron que no interior do inmoble había sete persoas reunidas e sen máscara.
O incumprimento da medida de non reunirse máis de cinco persoas, sumado á sanción por non levar máscara, pode carrexarlles unha multa de ata 6.000 euros.
Dentro do operativo despregado durante a fin de semana, a Policía Local intensificou a vixilancia nos accesos ao municipio e os controis rutineiros para comprobar que estaban a cumprir as restricións sanitarias.
Así, na zona da Granxa os axentes interceptaron a un condutor procedente de Pontevedra que se dispoñía a ir a Portonovo a revisar unha neveira, pero sen ningún tipo de xustificante que permitise saltarse o perímetro de seguridade.
A Policía Local abriulle expediente de sanción ao condutor e ao seu acompañante.
Ademais, tamén foron sancionadas un total de nove persoas por non levar a máscara posta cando paseaban pola zona portuaria de Sanxenxo.
O goberno local lamenta que se produzan comportamentos deste tipo coa actual situación sanitaria que se está vivindo e insta os veciños a cumprir as restricións impostas para poder reducir a taxa de contagios.
"Seremos contundentes coas persoas que sexan insolidarias e que non cumpran cos medidas e as obrigas que permitan reducir os contaxios", asegura o concelleiro de Seguridade, Jaime Leiro, que celebrou pola contra o comportamento "exemplar" dos veciños que acudiron aos cemiterios con motivo do Día de Defuntos, sen que houbese incidencia algunha.