Forzas sindicais denuncian a falta de prevención ante a covid-19 e as deficiencias para teletraballar nos xulgados
Por Redacción
O sindicato UGT presentou unha denuncia diante da Inspección de Traballo contra a Consellería de Xustiza e contra a empresa Cualtis, que se encarga do servizo de prevención, polos incumprimentos nas medidas de prevención, adaptación e protección para o persoal especialmente sensible á hora de avaliar os postos de traballo que deben ocupar.
Afirman que o Servizo de Prevención de Riscos Laborais dá Xunta e de Cualtis dan por cumpridas as medidas adoptadas nos centros de traballo sen comprobar que estas medidas se adoptaron de maneira efectiva e se se axustan ás circustancias específicas de cada posto laboral.
UGT afirma que no seu día solicitou á Dirección Xeral de Xustiza novas avaliacións para que se analizasen os postos que contan cun maior risco de exposición a un contaxio. Pero desde este sindicato afirman que nunca se fixo.
A central indica que os informes emitidos pola empresa non cumpren coas prescricións legais ao non solicitar documentación en relación ás circunstancias de cada posto de traballo. Tamén denuncian que esta entidade, co "beneplácito da Dirección Xeral de Xustiza", incumpre as obrigacións que figuran no prego de prescricións técnicas e non realiza o estudo epidemiolóxico da poboación laboral.
FALTA DE MEDIOS PARA O TELETRABALLO
Pola súa banda, o sindicato AXG-CUT laméntase pola falta de investimento na modernización e nas opcións para levar a cabo o teletraballo. Pablo Valeiras, desde este sindicato, indica que a Administración de Xustiza foi a única que, durante o confinamento, non puido teletraballar de maneira efectiva ao carecer de medios técnicos necesarios e non contar cunha regulación propia, que permita a conciliación da vida laboral e a familiar.
Sinalan que, durante estes meses, comprobouse que aquel persoal que teletraballou se atopou con graves problemas pola dixitalización de documentos, que retarda o traballo e obriga a unha continua intercomunicación entre o traballador e o xulgado.
Solicitan un servizo especializado que dixitalice a documentación dos xulgados que permita tramitar dixitalmente os expedientes. Entenden que é preciso un servizo común de dixitalización e de videoconferencias nas sete grandes cidades galegas, cun fax único.
En Pontevedra, segundo este sindicato, realízanse máis de 2.200 vídeoconferencias ao ano e este sistema obriga, segundo AXG-CUT, a crear un persoal específico para atender un traballo cada día máis demandado e que se incrementa porque, coa emerxencia sanitaria, os detidos de garda aténdense telemáticamente.
Sinalan que esta situación, en caso de producirse un novo confinamento, provocará unha nova parálise da Administración de Xustiza Galega e responsabilizan á Xunta da repercusión que este problema terá para a cidadanía.
Relacionadas:
-
Solicitan o amparo do presidente do TSXG pola situación do Xulgado de Garda de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Piden probas PCR e labores de desinfección inmediatas nos Xulgados de Pontevedra
Por Redacción |
-
Dous novos positivos por Covid-19 nos xulgados de Pontevedra levan aos sindicatos a pedir maior prevención
Por Natalia Puga | Creada e actualizada