Pontevedra, Marín, Poio, Vilagarcía, O Grove, Cambados e Ribadumia continúan en alerta vermella
Por Redacción
Os municipios que este luns se atopaban en alerta vermella, con nivel 3, continúan na mesma situación, segundo os parámetros que manexa a Consellería de Sanidade.
O comité clínico que avalía a situación da pandemia vai xuntarse a partir das 18.00 horas para estudar os datos. Tanto o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña como especialistas que forman parte deste comité xa avanzaron previamente que son partidarios de reforzar as medidas restritivas durante os próximos días para frear os contaxios.
Nas últimas horas faleceron dúas persoas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, un home de 57 anos e unha muller de 89.
Na conxunto da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, que continúa en nivel vermello, hai 76 novos positivos que conforman un total de 1.082 casos activos, dos que 70 atópanse hospitalizados e catro casos permanecen na UCI.
Os municipios que continúan en alerta vermella seguen sendo Pontevedra, Poio, Marín, Vilagarcía, Cambados, O Grove e Ribadumia.
No municipio de Pontevedra rexistráronse dous casos activos máis que o luns e alcanza a cifra de 368 positivos. En Marín, en cambio, descenden o número de casos en dous, para establecerse en 72 persoas enfermas.
O maior incremento prodúcese en Cambados, con sete contaxios máis, cifra que eleva o total de casos activos no municipio ata os 52. En Vilagarcía a tendencia é a inversa e os infectados, un total de 80, son tres menos que onte.
En nivel 2, en cor laranxa, están os concellos de Vilaboa, Sanxenxo, Caldas de Reis, Vilanova de Arousa e Cerdedo-Cotobade.
Entre estes últimos, Sanxenxo aumenta en dous os seus casos activos ata un total de 28, mentres que Vilanova de Arousa rexistra un novo contaxio máis nas últimas 24 horas e o número de persoas contaxiadas ascende a 30.
Nun nivel inferior mantéñense Bueu, Cuntis, Ponte Caldelas, A Lama e Cuntis, que rebaixa de novo o seu posicionamento e volve ao nivel 1 (amarelo), segundo o mapa de alertas ofrecido pola Consellería de Sanidade.
En nivel cero (verde) atópanse Meaño, Portas, Meis, Barro e Campo Lameiro, con menos de 7 casos detectados entre a súa poboación na última semana.
Relacionadas:
-
Bueu pide reforzar os controis de acceso para evitar chegadas desde zonas en alerta vermella
Por Redacción |
-
A presión asistencial segue crecendo na área sanitaria, que ten 77 pacientes hospitalizados
Por Natalia Puga |
-
O Goberno insta ás comunidades a adoptar medidas "contundentes" para evitar confinamentos
Por Alejandro Espiño |
-
A covid-19 avanza imparable na área sanitaria, con 1.082 casos activos e 70 pacientes hospitalizados
Por Natalia Puga |
-
Un home de 57 anos e unha muller de 89, dúas novas mortes da covid-19 en Pontevedra
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada