A descarga de peixe conxelado intensifícase no Porto de Marín
Por Redacción
O Porto de Marín ve incrementadas as descargas de pesca conxelada con destino ás plantas frigoríficas que se sitúan no recinto portuario. Este mércores están a compaxinar as súas descargas catro barcos con preto de 3.400 toneladas de peixe.
Estes bos datos non se centran só nun día, para a próxima semana está prevista outra descarga de 1.900 toneladas, unha mercadoría "en continuo crecemento durante os últimos anos", sinalan desde a Autoridade Portuaria na que destacan que o porto é un referente loxístico para a recepción, elaboración e distribución deste tipo de produtos.
As plantas frigoríficas situadas no Porto de Marín dedicadas fundamentalmente á recepción, almacenamento e procesado de pesca conxelada son un dos principais motores económicos para toda a comarca. Gran parte das empresas frigoríficas implantadas no porto contan ademais con salas de elaborado de peixe, unha das actividades que máis empregos crean na zona.
O Porto de Marín conta no seu conxunto cunha capacidade de almacenamento frigorífico duns 262.000 metros cúbicos concentrados nun único recinto. Desde as plantas de frío do Porto de Marín expórtanse produtos elaborados aos principais mercados de Europa e algúns deles recibiron varios recoñecementos e galardóns por parte dos consumidores.