Os xestores administrativos poderán realizar trámites de estranxeiría por vía electrónica
Por Oskar Viéitez
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, reuniuse este mércores con representantes do Colexio de Xestores Administrativos de Pontevedra e Vigo para pór en marcha a firma dun protocolo de actuación polo que os xestores administrativos poderán realizar trámites vinculados á Oficina de Estranxeiría, que até agora se realizaban de maneira presencial e con cita previa, por vía electrónica.
Asistiron a reunión coa subdelegada José María Sanz, delegado do Colexio en Pontevedra, e Pedro García, delegado do Colexio en Vigo.
O obxectivo do protocolo é pór a disposición do público en xeral un maior número de citas para a presentación persoal de solicitudes, xa que se eliminan do sistema aquelas que vaian ser presentadas polos xestores administrativos. Ademais, preténdese gañar en axilidade na instrución e resolución de expedientes, posto que unha parte deles serán revisados e cotexados polos propios xestores.
Este protocolo permitirá aos xestores realizar de maneira telemática trámites nos que non é necesaria a cita previa nin a personación do interesado, como é o caso das solicitudes de renovación de autorizacións ou a tramitación de autorizacións de residencia.
O novo procedemento establecerá que toda actuación dos profesionais colexiados (tanto se actúan como representantes coma se o fan como acompañantes) debe xestionarse a través do Colexio sen necesidade de acudir ao sistema de cita previa establecido pola Oficina de Estranxeiría para o resto dos usuarios.
O Colexio recepcionará o expediente coa documentación previamente cotexada polos seus colexiados e enviarao á Oficina de Estranxeiría a través da aplicación informática habilitada para ese efecto. Desde a Oficina de Estranxeiría farase chegar ao Colexio de Xestores Administrativos unha listaxe onde se citará aos interesados cuxo trámite sexa presencial. Finalmente, a notificación da resolución enviarase telemáticamente ao xestor.
Os responsables do Colexio de Xestores Administrativos de Pontevedra destacaron a iniciativa, que permitirá replicar con éxito outros procedementos que o Colexio xa leva a cabo por vía telemática, como é o caso dos de Tráfico. Tras a reunión, os representantes do Colexio comprometéronse a dispor de persoal dedicado a tal fin nas súas sedes.