32 votos favorables permiten a Emma Torres volver ser decana de Ciencias Sociais e da Comunicación
Por Redacción
Emma Torres comeza desde este mércores 4 a súa segunda etapa como decana de Ciencias Sociais e da Comunicación na facultade do campus pontevedrés. A profesora do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade sucederá a Xosé Baamonde, que deixou o cargo.
A súa candidatura, a única presentada, recibiu 32 votos a favor, dez en contra e tres en branco durante a votación celebrada este mércores na Xunta de Facultade. Torres xa fora decana entre xullo de 2015 e decembro de 2016, cando decidiu deixar o posto ao non poder compatibilizalo coa súa dedicación política no Concello do Grove.
No seu equipo atópanse os profesores José Pita, Paulino Pérez e Tino Cordal, como vicedecanos, de Erasmus e Alumnado, Promoción e Comunicación e Infraestruturas e Asuntos Económicos, que xa viñan desempeñando durante o anterior mandato. Tamén forman parte do equipo as profesoras Silvia García Mirón e Soraya Rodríguez que ocupan os cargos de vicedecana de Calidade e Docencia e como secretaria académica, respectivamente, segundo recolle o DUVI.
Emma Torres, unha vez elixida, sinalou que forma parte desa casa desde 1996 e quere manter a liña seguida polo anterior decano. Durante os próximos tres anos de mandato enfróntase á adaptación á realidade que vén imposta pola situación sanitaria derivada da covid-19. Entre outras cuestións, indicou que o novo equipo manterase pendente das necesidades do alumnado en relación ás conexións a internet no caso de que se volve a producir un confinamento.
A segunda liña de traballo centrarase en realizar un esforzo para renovar os equipos dos estudios e laboratorios do grao en Comunicación Audiovisual. Explicou que é preciso dixitalizar os equipos para que o alumnado conte coa formación técnica que precisa. Tamén quere visibilizar a facultade como buque insignia do campus e buscar docentes que se sitúen á fronte da coordinación de graos.
ENRIQUE VARELA, DECANO COMISARIO DA FUTURA FACULTADE DE DIRECCIÓN E XESTIÓN PÚBLICA
O profesor Enrique Varela, pertencente á Área de Ciencia Política e dá Administración, foi nomeado decano comisario do futuro novo centro do campus pontevedrés, que se instalará na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
O 16 de outubro, o Claustro da Universidade de Vigo aprobaba instar ao Consello de Goberno a iniciar o expediente de creación da nova Facultade de Dirección e Xestión Pública. onde se ofrecería o Grao en Dirección e Xestión Pública e o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional.
A creación desta facultade está pendente da aprobación polo Consello de Goberno e polo Consello Social da Universidade de Vigo e despois precisará dunha aprobación por parte do Consello Galego de Universidades. Os prazos que manexa Enrique Varela sitúan o final deste proceso no primeiro semestre de 2021. Este mércores mantiña un encontro co reitor Manuel Reigosa para tratar estes temas.
Relacionadas:
-
O Canal de Suez provoca a eliminación de Emma Torres, decana de Ciencias Sociais, no programa Ahora Caigo
Por Redacción |
-
Emma Torres, única aspirante a ocupar o Decanato de Ciencias Sociais e da Comunicación
Por Redacción |
-
A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación cumple 25 anos
Por Redacción |
-
Xosé Baamonde elixido decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación
Por Redacción |