Vilagarcía recibe á nova delegada da Xunta coa demanda dun novo centro de saúde
Por Redacción
A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, visitou este mércores en Concello de Vilagarcía no medio da súa rolda de visitas aos municipios do seu ámbito territorial tras o seu nomeamento. A mandataria da Xunta recalcou a "forte aposta" do executivo autonómico no municipio, onde leva investidos 38 millóns de euros no últimos catro anos.
No encontro co alcalde, Alberto Varela, abordaron asuntos e proxectos relacionados coa sanidade, as infraestruturas ou a auga que se formalizaron en peticións concretas como un novo centro de saúde, a estación intermodal, a ampliación do chan industrial en Pousadoiro e da depuradora, así como intervencións nas estradas autonómicas.
A delegada mostrou a súa "absoluta disposición para traballar de forma conxunta co Concello e sacar adiante os grandes proxectos para Vilagarcía e os seus cidadáns". Neste sentido, o rexedor arousán agradeceu a visita da delegada e mostrouse confiado no seu traballo pola súa traxectoria como alcaldesa de Moraña durante unha década, algo que lle fará ser sensible coas demandas dos concellos.