Consulta as actividades non esenciais que quedan prohibidas no perímetro de Pontevedra durante un mes
Por Natalia Puga
As novas restricións anunciadas por Alberto Núñez Feijóo para evitar a expansión da covid-19 en Galicia concretáronse nunha edición especial do Diario Oficial de Galicia publicada na noite deste mércores que fixa que toda as medidas serán de aplicación a partir da medianoite do venres 6 para o sábado 7 de novembro, finalmente unhas horas máis tarde das anunciadas pola Xunta -fixárase para as 15.00 horas- e detalla todas as actividades autorizadas e prohibidas durante un mes.
O DOG fixa as medidas máis restritivas que afectarán desde o sábado a 60 municipios galegos, o 60% da poboación da comunidade, e que, no caso da área de Pontevedra e o Salnés establece o peche perimetral do ámbito territorial dos concellos de Pontevedra, Marín, Vilaboa, Soutomaior, Ponte Caldelas, Barro, Cerdedo-Cotobade, Campo-Lameiro e Poio; do ámbito de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e Cambados; e de xeito individual do concello do Grove.
A normativa da Xunta de Galicia establece nestes concellos o peche temporal de actividades non esenciais, considerando como tales as seguintes:
- Espectáculos públicos: taurinos, circenses, feirais e de exhibición e pirotécnicos.
- Actividades recreativas: culturais e sociais e de ocio e entretemento; atraccións recreativas, actividades de restauración, actividades zoolóxicas, botánicas e xeolóxicas.
- Establecementos abertos ao público: circos, prazas de touros, recintos feirais.
- Establecementos de xogo: casinos, salas de bingo, salóns de xogo, tendas de apostas.
- Establecementos para actividades deportivas: pistas de patinaxe, piscinas recreativas de uso colectivo, establecementos para atraccións e xogos recreativos, parques de atraccións e temáticos, parques acuáticos, salóns recreativos e parques multiocio.
- Establecementos para actividades culturais e sociais: salas de concertos.
- Establecementos de restauración: restaurantes, salóns de banquetes, cafetarías, bares, establecementos para actividades zoolóxicas, botánicas e xeolóxicas, establecementos de ocio e entretemento, salas de festas, discotecas pubs, cafés-espectáculo, furanchos, centros de lecer infantil.
En canto aos establecementos de restauración, permanecerán pechados ao público e poderán prestar exclusivamente servizos de entrega a domicilio ou para a súa recollida no local e consumo a domicilio. A permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.
Os establecementos de restauración de centros sanitarios ou de traballo que limiten a súa actividade aos traballadores ou acompañantes de doentes poderán manter o servizo de cafetaría, bar e restaurante. Non poderán superar o 50% da súa capacidade. O consumo dentro do local poderá realizarse unicamente sentado na mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade. A ocupación máxima será de seis persoas por mesa ou agrupación de mesas e deberán ser todas elas conviventes.
Quedan exceptuados destas limitacións as seguintes actividades e establecementos no citados que poderán continuar abertos. Desta maneira, poden abrir ao público cines, teatros, auditorios, estadios, pavillóns, recintos deportivos, ximnasios, piscinas de competicion, museos, bibliotecas, salas de conferencias e salas polivalentes.
Nestes concellos haberá a partir do sábado limitacións específicas:
- Actividades en academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de formación. Capacidade do 50%.
- Hoteis e aloxamentos turísticos. As actividades de animación ou clases grupais deberán deseñarse e planificarse cunha capacidade máxima de seis persoas, sexan ou non conviventes, incluídos os monitores.
- Bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outras infraestruturas culturais. Non poderán realizarse actividades culturais, agás que os grupos sexan de conviventes, excluído o monitor ou guía.
- Cines, teatros, auditorios, e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas non pechadas temporalmente. Límite máximo de 30 persoas para lugares pechados e de 65 ao aire libre. Poderase ampliar o límite ata un máximo de 50 persoas para lugares pechados e de 150 ao aire libre con autorización Dirección Xeral de Saúde Pública.
- Actividades e instalacións deportivas. Consulta aquí.
- Actividades turísticas. Grupos de ata un máximo de seis persoas, sexan ou non conviventes, incluído o monitor ou guía.
- Actividades de tempo libre dirixidas á poboación infantil e xuvenil. Limitar o número de participantes 50% da súa asistencia máxima habitual, cun máximo de 50 participantes, incluídos os monitore, ai aire libre e 25 en espazos pechados. Grupos de ata seis, sexan ou non conviventes e incluíndo os monitores.
- Centros cívicos e sociais. Limítase a capacidade ao 50% e actividades grupais dun máximo de seis persoas, sexan ou non conviventes.
- Congresos, encontros, reunións de negocio, conferencias, eventos e actos similares. Limítanse ao 50% da capacidade permitida, cun límite máximo de 30 persoas para lugares pechados e de 75 ao aire libre. Poderase ampliar ata un máximo de 50 persoas para lugares pechados e 150 ao aire libre con autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública.
- Establecementos comerciais. Non poderá superar o 50% da capacidade autorizada, cun máximo de 30 persoas para lugares pechados e de 75 ao aire libre. Non será de aplicación nos establecementos comerciais de alimentación, bebidas, produtos e bens de primeira necesidade, establecementos farmacéuticos, servizos médicos ou sanitarios, ópticas, produtos ortopédicos, produtos hixiénicos, salóns de peiteado, prensa e papelaría, combustible para a automoción, estancos, equipamentos tecnolóxicos e de telecomunicacións, alimentos para animais de compañía, comercio pola internet, telefónico ou correspondencia, tinturarías e lavandarías, sen prexuízo da necesidade de cumprir as obrigas xerais previstas nesta orde e as medidas xerais de hixiene e protección.
O DOG establece que se mantén en toda Galicia o peche das actividades de festas, verbenas e outros eventos populares, así como das atraccións de feiras. Ademais, mantense o toque de queda de 23.00 a 6.00 horas aplicado no marco do estado de alarma establecido a nivel estatal
Segundo este decreto, ademais, en toda Galicia recoméndaselles ás persoas maiores de 75 anos, ás persoas vulnerables á covid-19 e a aquelas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que presenten algunha alteración que faga inviable a súa utilización, que eviten na súa actividade diaria as saídas nas horas de previsible afluencia ou concentración de persoas na vía pública e en espazos ou establecementos abertos ao público, co fin de reducir os riscos derivados da coincidencia con outras persoas.
A partir do sábado establécense, ademais, para toda Galicia as seguintes limitacións de capacidade e medidas de prevención específicas (nos concellos citados hai que exceptuar as limitacións específicas):
- Velorios e enterros. Límite máximo de 25 persoas en espazos ao aire libre ou de 10 en espazos pechados, sexan ou non conviventes.
- Cerimonias relixiosas ou civís. As celebracións que poidan ter lugar tras a cerimonia en establecementos de hostalaría e restauración axustaranse ás condicións e á capacidade prevista, debéndose respectar un máximo de 100 persoas en espazos ao aire libre ou de 50 persoas en espazos pechados.
- Establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público. Non poderán superar o 50% da súa capacidade total. No caso de establecementos ou locais distribuídos en varios andares, a presenza de clientes en cada un deles deberá gardar esta mesma proporción.
- Centros e parques comerciais. Non poderán superar o 50% da súa capacidade total e non se permitirá a permanencia de clientes nas zonas comúns excepto para o tránsito entre os establecementos, salvo na actividade de hostalaría e restauración. A capacidade das zonas comúns queda limitada ao 33 %. Queda prohibida a utilización de zonas recreativas como poden ser zonas infantís, ludotecas ou áreas de descanso, que deben permanecer pechadas.
- Mercados que desenvolven a súa actividade na vía pública. Non poderán superar o 50% dos postos habituais ou autorizados.
- Actividades en academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de formación e actividade formativa. Non pode superar o 50% da capacidade.
- Establecementos de hostalaría e restauración. Non poderán superar o 50% da súa capacidade para consumo no interior do local. O consumo dentro do local poderá realizarse unicamente sentado na mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes. Non está permitido o consumo na barra. As terrazas limitarán a súa capacidade ao 65% das mesas.
- Hoteis e aloxamentos turísticos. A ocupación das zonas comúns non poderá superar o 50% da súa capacidade. As actividades de animación ou clases grupais terán capacidade máxima de seis persoas, sexan ou non conviventes, e incluídos os monitores
- Albergues turísticos. Capacidade máxima do 50% da máxima permitida.
- Bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais. Poderán realizarse actividades presenciais sen superar o 50% da capacidade máxima permitida.
- Cines, teatros, auditorios, circos de toldo e espazos similares. Poderán desenvolver a súa actividade, contando con butacas preasignadas, sempre que non superen o 50% da capacidade permitida en cada sala. En calquera caso, será de aplicación un límite máximo de 60 persoas para lugares pechados e de 150 se se trata de actividades ao aire libre.
- Centros de lecer infantil. Capacidade máxima do 50%.
- Actividades e instalacións deportivas. Consulta aquí.
- Praias e piscinas. Os concellos deberán establecer limitacións de acceso e capacidade. As piscinas ao aire libre ou cubertas, para uso deportivo ou recreativo, deberán respectar o límite do 50% da súa capacidade, sen que poidan exceder o límite de 100persoas de ocupación.
- Actividades de tempo libre dirixidas á poboación infantil e xuvenil. Limítase o número de participantes ao 50%, cun máximo de 100 participantes ao aire libre e 50 en espazos pechados. As actividades deberán realizarse en grupos de ata seis persoas, sexan ou non conviventes e incluídos os monitores
- Centros cívicos e sociais. Poderán realizar a súa actividade sempre que se limite a súa capacidade total ao 50% e as actividades grupais teñan un máximo de seis persoas, sexan ou non conviventes.
- Parques públicos e espazos similares. Recoméndase o peche a partir das 00.00 horas ata as 6.00 horas. Os parques infantís, parques biosaudables, zonas deportivas, pistas skate ou espazos de uso público ao aire libre similares poderán estar abertos ao público sempre que neles se respecte unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada catro metros cadrados de espazo computable de superficie do recinto.
- Centros recreativos turísticos ou similares. Queda limitada súa capacidade ao 50%.
- Congresos, encontros, reunións de negocio, conferencias, eventos e actos similares. Non poden superar o 50% da capacidade permitida do lugar de celebración e cun máximo de 60 persoas para lugares pechados e de 150 ao aire libre.
- Locais de xogo e apostas. Non poden superar o 50% da capacidade permitida, cun máximo de 100persoas en espazos ao aire libre ou de 50 persoas en espazos pechados.
- Transportes. En servizos colectivos de transporte de viaxeiros con reserva de praza, non se poderán ocupar asentos contiguos, agás no caso de persoas que convivan. No transporte escolar, poderase ocupar a totalidade dos asentos.
Relacionadas:
-
Os sectores de peiteado e estética reclaman recortar o ive ou mobilizaranse en xaneiro
Por Redacción |
-
Denuncian seis non conviventes nunha vivenda do centro histórico e cinco tomando bocadillos nun bar de Lérez
Por Natalia Puga |
-
Os ximnasios saen á rúa para que os recoñezan como actividade esencial para a saúde
Por Manu Otero |
-
O BNG chama á solidariedade de Marín para apoiar o comercio local fronte a Amazon ou Aliexpress
Por Redacción |
-
Suspendido o ciclo de teatro afeccionado que se iniciaba este sábado na Sociedade Cultural de Mourente
Por Redacción |
-
Tino Fernández ve "caóticas" as medidas de restrición da Xunta para o deporte e pide a paralización das competicións autonómicas federadas
Por Diego Espiño |
-
Critican á Xunta por obrigar a acudir aos centros educativos a persoas convivintes de casos sospeitosos
Por Redacción |
-
Sanxenxo alcanza por primeira vez a alerta vermella pola covid-19 tras duplicar os contaxios nunha semana
Por Alejandro Espiño |
-
Lores, crítico coa xestión sanitaria da pandemia: "Houbo xente que non fixo o que tiña que facer"
Por Alejandro Espiño |
-
Feijóo anuncia axudas de entre 2.200 e 7.000 euros para a hostalería afectada polo peche
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño |
-
Carmela Silva: "Imos cerrar bares e restaurantes, pero os prostíbulos seguen abertos. Hai que pechar os prostíbulos"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
"Canto máis pechados estamos, máis podemos movernos. Non é comprensible"
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Cubela xunta aos voceiros da oposición e amosa a súa preocupación pola hostaleria coas novas restricións
Por Redacción |