Lores, crítico coa xestión sanitaria da pandemia: "Houbo xente que non fixo o que tiña que facer"
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal de Pontevedra está "preocupadísimo" ante a evolución da pandemia da covid-19. Así o expresou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que se mostrou crítico ante a actitude das autoridades sanitarias que, ao seu xuízo, deberían adoptar medidas "máis drásticas" para reducir a curva de contaxios.
En rolda de prensa, Fernández Lores lamentou que, a pesar da experiencia acumulada desde marzo, "houbo xente que non fixo o que tiña que facer", entre outras cousas, reforzar o sistema sanitario galego, contratar máis rastrexadores ou realizar un maior número de PCR.
Isto provocou, segundo o rexedor, que se "destrozara" por completo o "sacrificio" que realizaron os cidadáns durante o confinamento na primavera, unha situación que provocou "perdas económicas e problemas psicolóxicos" en moitos cidadáns.
"Destrozamos o esforzo de moita xente para volver estar agora nunha situación igual ou peor", denunciou o dirixente nacionalista, que censurou que, a pesar diso, "non se toman as medidas que hai que tomar".
As cifras de contaxios en Galicia, sinalou o alcalde de Pontevedra, son "absolutamente astronómicas", ante as cales entende que "non quedará máis remedio" que restrinxir aínda máis a mobilidade. "Estamos condenados a un confinamento", advertiu.
"Destrozamos o esforzo de moita xente para volver estar agora nunha situación igual ou peor", denunciou o dirixente nacionalista
"Ou tomamos medidas drásticas ou esta situación se vai a prolongar durante moitísimo tempo", sinalou Miguel Anxo Fernández Lores, que considera que as decisións que se adoptan "con medo" ou de maneira "tímida" non lograrán solucionar esta situación.
Con respecto á actuación municipal, o alcalde asegurou estar "orgulloso" do traballo realizado desde o Concello, entre outras cuestións, para manter o "máximo" de actividade económica posible, dinamizando a vida na cidade e aprobando liñas de subvención.
"Ímolo a seguir facendo no futuro", adiantou Fernández Lores, que asegura que "nada está desbotado" para contribuír á recuperación económica da cidade.
Relacionadas:
-
Lores traslada á comisión parlamentaria unha vontade negociadora e a necesidade de crear cidades "habitables" para reactivar a economía
Por Redacción |
-
Multan un bar de Pontevedra que ignorou as restricións e abriu a fin de semana
Por Alejandro Espiño |
-
Critican á Xunta por obrigar a acudir aos centros educativos a persoas convivintes de casos sospeitosos
Por Redacción |
-
O avance da covid-19 na área sanitaria: 94 novos casos positivos, 74 pacientes ingresados, 4 na UCI
Por Redacción |
-
"Canto máis pechados estamos, máis podemos movernos. Non é comprensible"
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
O avance da covid-19 na área sanitaria: 938 PCR's, 93 novos positivos e 1.137 casos activos
Por Natalia Puga |
-
Consulta as actividades non esenciais que quedan prohibidas no perímetro de Pontevedra durante un mes
Por Natalia Puga |