Critican á Xunta por obrigar a acudir aos centros educativos a persoas convivintes de casos sospeitosos
Por Redacción
Novo 'bandazo', así cualifica desde o sindicato CIG o cambio introducido pola Consellería de Educación e a de Sanidade que obriga a acudir aos centros escolares a aquelas persoas que convivan con casos sospeitosos de ser positivos por covid-19.
A central nacionalista afirma que esta medida causa dúbidas e indignación entre a comunidade educativa ao ser diferente das indicacións para a poboación xeral que emiten tanto o Ministerio como a Consellería de Sanidade.
O protocolo de Educación mostra que os criterios sanitarios son os que levaron á Xunta a obrigar a eses conviventes en contacto con persoas con sintomatoloxía compatible con covid-19 a acudir ao centro educativo. En concreto indícase que as persoas que esperen o resultado evitarán as interaccións sociais que sexan prescindibles ata que se confirme o resultado, pero non será necesario que garden corentena no domicilio, podendo acudir tanto á escola como ao seu posto de traballo.
Segundo CIG- Ensino esta decisión supón unha temeridade ao tratarse dunha exposición gratuíta e innecesaria a un risco que, se se realizase unha PCR con rapidez, non debería provocar un maior problema por manter a unha persoa convivente, sexa docente ou estudante, na súa casa.
Alertan sobre o risco que supón ir ao centro educativo sen saber se a persoa coa que se convive é positivo ou non. O risco non é só para o convivente senón para o resto das persoas coas que coincide na aula e no espazo de traballo, sinalan desde o sindicato.
Esta medida, adoptada o 5 de novembro, contradise coa que se mantiña en vigor ata este xoves na que se indicaba que a persoa que convivise con algún familiar sospeitoso de padecer a enfermidade non podía acudir ao centro ata que se coñecese o resultado da proba e sexa negativo.