O PP de Poio pide axudas e suprimir taxas á hostalaría
Por Oskar Viéitez
O PP de Poio defenderá no pleno de novembro unha moción pedindo axudas, baixadas de impostos e supresión de taxas para os sectores máis afectados pola crise da Covid e as restricións derivadas do estado de Alarma, como a hostalaría e restauración, o comercio, as actividades relacionadas coas festas como orquestas, feriantes e outros autónomos e pemes locais.
O texto dos populares solicitará axudas a todas as administracións, é dicir, Goberno Central, Xunta e Deputación, "pero tamén que o Concello colabore dentro das súas competencias e na medida das súas posibilidades", mediante a baixada de impostos, a supresión de taxas e tributos aos autónomos e pemes que pararon a súa actividade pola pandemia e as restricións, especialmente a hostalaría e a restauración.
A moción solicita á Xunta que as axudas que anunciou de entre 2.200 e 7.000 euros "se tramiten da forma máis áxil posible", e pedindo a Goberno Central e a Deputación "que tamén axuden aos sectores e ás familias do noso concello afectadas polas restricións causadas polo Estado de Alarma e a pandemia", pero en particular, "o Pleno de Poio é o que ten que decidir se se baixan os impostos en Poio ou se dan axudas concretas, e esperamos que o resto de partidos apoien a nosa proposta".
Ángel Moldes calificou a actitude do BNG de "absolutamente hipócrita" porque "reúnense con hosteleiros para darlles cariño e para facer política coa covid cargando contra outras administracións, pero non fan nada onde gobernan" e instou aos nacionalistas a que "se queren axudar a hostalaría, aos negocios e aos autónomos afectados polo Estado de Alarma, o que ten que facer é baixarlle os impostos e darlles axudas como si fai a Xunta".