As obras de reforzo do firme en estradas de Pontevedra, Caldas e O Salnés obrigarán a regular o tráfico durante tres semanas
Por Redacción
O avance nas obras de reforzo de firme que se están a executar nas estradas autonómicas PO-224 e PO-223 ao seu paso polo concello de Pontevedra, farán necesaria a regulación do tráfico durante as tres vindeiras semanas.
Tal e como informa a Xunta, realizaranse traballos de fresado e reposición de firme nestas dúas estradas polo que, para facilitar a mobilidade na zona, o tráfico será alternativo e estará regulado por semáforos ou por sinalistas.
Estas medidas no tráfico aplícanse desde este venres e ata o vindeiro mércores día 11 na estrada entre Ponte Bora e San Antoniño, a PO-224. Mentres, segundo a programación dos traballos, o desvío alternativo de tráfico na estrada PO-223, que une Pontevedra e Campo Lameiro, comezará o vindeiro martes día 10 e estenderase ata finais de mes, todo iso suxeito ás condicións meteorolóxicas.
As intervencións forman parte dun contrato máis amplo co que están a acondicionar a capa de rodadura en distintas vías autonómicas das comarcas de Pontevedra, O Salnés e Caldas, co obxectivo é ter rematadas todas as actuación este mesmo ano.
As obras deste contrato, cun investimento da Xunta de preto de 1 millón de euros, xa se iniciaron en setembro e contan cun prazo de execución de 4 meses. As actuacións lévanse a cabo en varios tramos das estradas PO-223, PO-224, PO-300, PO-305, PO-308 e PO-309, ao seu paso polos municipios de Pontevedra, Campo Lameiro, Barro, Meis, Ribadumia, Vilanova de Arousa, Cambados, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo e Poio.
O obxectivo é a rehabilitación do firme naqueles puntos nos que a capa de rodadura se atope deteriorada, coa finalidade de reforzar a seguridade viaria. Tamén se prevé a reposición da sinalización horizontal en varios treitos.
Finalmente, o departamento de Infraestruturas da Xunta notifica que continúa traballando na conservación e mantemento da rede viaria autonómica para incrementar a seguridade e comodidade dos usuarios das estradas.
Relacionadas:
-
Inician obras de mellora de firme en estradas de Pontevedra, O Salnés e Caldas
Por Redacción |
-
A Xunta adxudica obras de mellora de firme en estradas de Pontevedra, O Salnés e Caldas
Por Redacción |
-
A Xunta destina un millón de euros para a reforma do firme de estradas de Pontevedra, Caldas e O Salnés
Por Redacción |