Eliminado un punto de vertido de augas residuais en Cuntis
Por Redacción
A Xunta de Galicia vén de eliminar un punto de vertido de augas residuais no lugar de Vilariño, no concello de Cuntis.
Os técnicos do Plan de Control de Vertidos, de Augas de Galicia, localizaron este punto, cuxa orixe estaba na filtración no pozo de entrada das augas residuais recollidas na rede de saneamento do lugar ao sistema depurativo no cal reciben tratamento.
Esta incidencia foi comunicada ao Concello de Cuntis, requiríndoselle a adopción das medidas oportunas para acadar o cese do aporte contaminante. A administración local procedeu á reparación da citada filtración.
O persoal inspector autonómico constatou nunha recente visita á zona a efectividade das medidas adoptadas, así como a ausencia de vertido no punto no que anteriormente se observaba a filtración de augas residuais.