Dúas pontevedresas crean unha colección de contos infantís "para entender o planeta"
Por Alejandro Espiño
Por que hai tormentas? Por que sae o arco da vella? Por que a lúa está máis pequena? Son preguntas coas que atopou María Mosquera, unha nai de Vilagarcía, ante a curiosidade da súa filla de tres anos que, como ela explica, "comezou moi pronto cos porques".
Ese foi o xerme dun proxecto que, coa colaboración da ilustradora pontevedresa Paula Cheshire, ambas puxeron en marcha e que buscan financiar a través dunha campaña de crowfunding que activaron na plataforma Verkami.
Trátase de Contos para entender o noso planeta, unha colección de tres contos ilustrados para que os máis pequenos se acheguen de forma sinxela ao funcionamento da natureza.
"A miña filla empezou cos porques durante o confinamento. Era algo continuo", relata María a PontevedraViva. Ela e a súa parella decidiron contarlle a través de historias "por que había esa tormenta que ela non entendía que a poñía tan nerviosa".
Aí arrancaba, sen sabelo, unha idea que está a xerar moita expectación. Tras contarllo a Paula, con quen traballa desde hai tempo, "decidimos empezar a ver como podiamos sacar algo de aí". E como a esta encántalle a ilustración "apuntouse rápido", lembra María.
"Levamos uns meses traballando duro", afirman ambas. María, creando as historias e os textos dos contos. E Paula, dándolles vida a través dos seus debuxos. "Gústame moito o mundo infantil porque dáche moita liberdade para crear e imaxinar", afirma a ilustradora, que asegura estar "encantada" con este proxecto editorial "porque o gozo un montón".
As dúas recoñecen que "temos moi bo feeling creativo", o que lles axuda a traballar nun momento no que, debido á pandemia, verse é moi complicado: "Dicimos algo e a outra o capta ao momento. E ao revés. É como nas parellas. Se hai conexión vai todo moi fluído".
As súas historias afástanse do convencional. Algo que ambas buscaban desde o principio. "Como nai quería contos que saísen do de sempre", sinala María, cansada das aventuras de heroes e princesas, historias fantásticas ou de contos que "xeran medo" nos nenos.
Con eles, lembra a autora, "créase un momento de conexión especial" cando lles contan un conto. "Están súper atentos porque lles fascina o formato", engade. Por iso é polo que optase por contidos que "logo terán que aprender" e facelo de maneira "lúdica e didáctica".
Foron moitos os nenos que, no seu día, "coñecemos o corpo humano cunha serie de debuxos animados, polo que tanto María como Paula, "queriamos insistir nesa liña" e, ao mesmo tempo, achegarlles "temas máis de ciencia e máis técnicos".
"Hai moi poucos contos así que cheguen ás librerías", lamentan as impulsoras destes Contos para entender o noso planeta.
A primeira parte desta colección de contos aborda fenómenos naturais como a choiva, as tormentas ou as fases lunares. "Pero se todo vai ben", subliña Paula, xa teñen pensado ampliala con outros episodios como as mareas ou a fotosíntesis.
Os tres primeiros xa están "totalmente acabados", confirman as súas creadoras. A intención é editar ao redor de 1.000 exemplares de cada un dos contos. Aínda que recoñecen que "todo está aberto" en función do interese que susciten as súas historias.
Os contos, que teñen versión impresa e dixital, están dispoñibles en castelán e en galego aínda que, como destaca María, "xa nolos pediron en catalán e eúscaro", polo que están a valorar a posibilidade de traducir as súas historias e distribuílas tamén nestes idiomas.
A partir de agora, recoñecen as súas creadoras, "quédanos moito traballo para controlar os envíos", algo que segundo aseguran abordan "con moita ilusión" e sacando tempo de vacacións e intres libres. "Estamos centradas nisto", explican. E, coa axuda de todos, poderán seguir adiante con esta marabillosa aventura pedagóxica.