A Deputación agarda pola documentación que avalíe a proposta da Xunta sobre os novos GES
Por Oskar Viéitez
O deputado provincial Carlos López Font cualificou este sábado de "intolerable" a actitude do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, responsable das emerxencias en Galicia, "que chega a utilizar aos seus alcaldes do PP para atacar á Deputación de Pontevedra cando a día de hoxe seguimos sen coñecer nin o modelo, nin os estudios técnicos, nin as necesidades e recursos que avalíen a proposta que plantexaron na reunión para a creación dos novos GES".
López Font expresou a súa "perplexidade" ante "este novo intento de confrontación coa Deputación, cando na propia mesa do xoves tomouse a decisión de aprazar o encontro a unha nova data ante a falta de documentación da Xunta que avaliara a proposta".
O deputado recordou que a Xunta de Galicia tampouco remitiu a información o pasado 30 outubro que foi cando convocou a reunión, e que tampouco o fixo cando a propia Deputación de Pontevedra chamoulles directamente para solicitar esa documentación.
"Curiosamente, dixo Font, coa convocatoria enviaron a información de todos os puntos da orde do día menos dos dous máis importantes: o emprazamento dos novos GES e a dos GES vacantes. Tampouco a levaron á reunión, aceptaron o aprazamento da mesa, dixeron que nos remitían os documentos pola tarde, hoxe é sábado e a esta hora, engadiu, seguimos sen ter resposta".
Font cualificou "dun sectarismo escandaloso e caciquil que as tres deputacións socialistas non coñeceran a proposta mentres que a de Ourense si que a tiña, aínda que ao final sumouse a petición de aprazamento".
É máis, engadiu, "¿como é posible que o alcalde da Cañiza non saiba nada e que o voceiro da oposición publique a información nas súas redes?; ¿como se cualifica que á alcaldesa de Redondela se lle chame despois da reunión e non antes?; ¿é presentable que desde a Xunta se lle escriba a alcaldes do PP un comunicado para que ataquen á Deputación como autofalantes de Rueda en vez de defender a súa veciñanza?. É tristísimo".
O deputado provincial tamén mostrou a súa sorpresa "porque na reunión, a Xunta nin sequera deu a coñecer os emprazamentos que propoñen para os GES. De feito, hoxe o alcalde de Moraña se congratula nos medios de que o seu concello estea na proposta cando ninguén falou de Moraña na reunión. Isto é moi grave".
"O presidente debería empezar a pensar seriamente en apartar a Rueda das súas competencias", dixo Carlos López Font.
Por todo elo, Font instou a Núñez Feijoo a que tome medidas. "O presidente debería empezar a pensar seriamente en apartar a Rueda das súas competencias. Só funciona na confrontación, non é capaz de traballar con propostas serias e xa lle está a xerar problemas".
O deputado provincial remarcou que "a Deputación de Pontevedra nin cuestiona, nin se opón a nada, nin se pronuncia sobre a proposta".
"Non podemos ter unha posición ata que teñamos coñecemento do que se plantexa, e parece lóxico que unha administración que ten que financiar as emerxencias coñeza o que se quere facer. É a Xunta quen está a paralizar unha solución para os GES. Só interésalles confrontar".
Carlos López Font, que si se congratulou de que "agora tres anos despois Rueda se apee da comarcalización e acepte o noso modelo de isocronas que sempre defendemos desde a Deputación", emprazou ao Vicepresidente a que remita dunha vez a documentación, "e o mesmo luns terán a posición da Deputación ou unha proposta alternativa".
"Iso si, sinalou, o GES para O Grove é unha liña vermella que non imos cruzar. Había un compromiso claro para facelo e a proba e que desde fai anos se está a firmar un acordo co Grove fora do convenio para cubrir esta carencia". O deputado lamentou que "unha vez máis Rueda pretenda excluír ao Grove porque ten un alcalde combativo que reivindica melloras para a súa veciñanza. Iso non imos consentilo".
Font rematou insistindo en que a Deputación de Pontevedra sempre será favorable e estará disposta a unha proposta que mellore o sistema dos GES que dea resposta ás necesidades do territorio en materia de emerxencias.
"Aí non encontrarán sempre, o que non nos poden pedir é que aceptemos unha proposta que non coñecemos e sen dispoñer da máis mínima información. Non pode ser que a Xunta decida, impoña sen informar de nada, e que os entes locais paguen", dixo.
Relacionadas:
-
Xunta, Deputación e Concello do Grove rubrican o acordo para manter o servizo municipal de emerxencias
Por Redacción |
-
Buscan unha solución para encaixar a singularidade do Grove nos GES
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación acepta a proposta dos novos GES
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Cerdedo-Cotobade apoia a creación dun GES porque antepoñen "o benestar e a seguridade das persoas a calquera outra cuestión"
Por Redacción |
-
Os alcaldes do PP piden á Deputación que apoie a creación dos GES en Moraña e A Lama
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O alcalde de Caldas arremete contra a Xunta tras a sentenza que obriga a Valga a readmitir o persoal do GES
Por Redacción |