Outros dous falecidos por coronavirus en Montecelo con 88 e 76 anos
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Sanidade notificou este domingo a morte de sete persoas que foran diagnosticadas de coronavirus, dúas na área sanitaria de Pontevedra.
Segundo esta información oficial, no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra faleceron unha muller de 88 anos e un home de 76 que, neste último caso, presentaba patoloxías previas.
Estas dúas mortes, sumadas ás outras dúas rexistradas este sábado, elevan a 38 as vítimas mortais da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
En canto ao resto de vítimas mortais deste domingo en Galicia, son dúas usuarias da residencia San Cibrao de Cervo de 89 e 92 anos que faleceron no Hospital da Mariña; dúas anciás no Complexo Hospitalario de Ourense, unha de 82 e outra de 89 que procedían da residencia Nosa Señora dos Miragres de Barbadás e finalmente Sanidade informou do deceso dun home de 80 anos no hospital de Valdeorras.
O número de falecidos en Galicia desde o inicio da pandemia sitúase en 988.