Correos estuda pechar ou reestruturar a súa oficina en Marín
Por Alejandro Espiño
Correos prevé reestruturar ou pechar oficinas e unidades de reparto en seis localidades españolas, entre elas en Marín.
Así o recoñeceu o Goberno nunha resposta por escrito á pregunta formulada polo senador de Compromís, Carles Mulet, na que se interesaba polos plans do servizo postal en cada unha das demarcacións provinciais.
Esta medida, que Correos adoptará a medio ou longo prazo, afecta tamén a Cuenca, Tolosa (Guipúscoa), San Adrián (Navarra), Ingenio (As Palmas) e Tegueste (Santa Cruz de Tenerife).
O Goberno explica que Correos debe adaptar os seus recursos ás "necesidades cambiantes" da sociedade e facelo con criterios de "obxectividade e eficiencia" para garantir un servizo postal "universal" en todos os municipios de España.
Estas necesidades avalíanse, recoñece o Executivo central, analizando entre outros indicadores, a evolución da poboación de cada territorio ou o nivel de actividade postal.
A este respecto, desde Correos apuntan a que a actividade postal, un dos parámetros de maior incidencia para a toma de decisións, descendeu un 38,62% no últimos dez anos e un 10,7% desde o pasado exercicio.
Esta diminución progresiva, recoñece o Goberno, "ten o seu reflexo" na organización dos recursos de Correos, non só para optimizar os seus recursos senón tamén no desenvolvemento de novos servizos e produtos para "impulsar a súa rede de oficinas".
Aínda que o "dinamismo" á hora de avaliar a situación fai que sexa "difícil", segundo o Goberno, ofrecer "datos concretos", sobre as previsións de Correos, haberá concentracións, reestruturacións e peches de oficinas e unidades de reparto nestes seis municipios