Comisións Obreiras reclama un plus de perigosidade para o persoal de limpeza do Sergas
Por Oskar Viéitez
O sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.) esíxelle a empresa ACCIONA, concesionaria do servizo de limpeza no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, que proceda a abonar ao persoal de limpeza o plus de perigosidade, "por estar mais que xustificada a súa percepción".
O secretario de organización de CC.OO. Xosé Luis García Pedrosa sinala que a ampla maioría do persoal sanitario percibe no complemento específico unha contía "insuficiente" en concepto de plus de perigosidade, que non se lle concede ao persoal de limpeza.
Este sindicato tamén lle esixe a Acciona "que remate coa súa actitude rácana de dotación de medios preventivos ao persoal de limpeza", e que lle facilite ao seu persoal máscaras FPP2.
Ademáis García Pedrosa critica que esta concesionaria non reforce no turno de tarde ao persoal que presta servizo nas unidades de hospitalización da Covid-19 ( 3ª , 4ª e 6ª plantas e a UCI do Hospital Montecelo), "que está sometido a importantes cargas de traballo e de estrés polos lugares nos que teñen que desenvolver o seu traballo".
Finalmente Pedrosa indicou que a ausencia de medidas preventivas eficaces "só se xustifica dende a irresponsabilidade na xestión pública e privada".