Liques, incendios e moita matemática para abrir unha Pontenciencia marcada pola pandemia
Por Redacción
'Liques como indicadores da biodiversidade dos bosques' Novas tecnoloxías aplicadas aos incendios', 'O número áureo: a divina proporción' e 'Reaccións químicas: obradoiro científico'. Con estas catro actividades botou a andar este luns a nova edición de Pontenciencia, a feira da miniciencia de Pontevedra que este ano, pola súa sétima edición, tivo que adaptarse á pandemia da covid-19, renunciou á súa feira expositiva e centrouse en actividades de divulgación.
Unha decena de centros educativos de Pontevedra participan nesta edición, que leva por título 'Que o coñecemento non pare!', e desde este luns ata o venres promove actividades individualizadas para cada grupo participante.
En grupos dun máximo de 25, escolares de varios destes centros xa puideron participar nas activides deste luns, coas que, por exemplo, o alumnado do ciclo medio CFEA Lourizán participou nun obradoiro no que se comparou a diversidade liquénica en dúas formacións arbóreas frecuentes en Galicia: un bosque autóctono, unha carballeira, e un cultivo forestal, un eucaliptal, para confrontar a biodiversidade destas dúas comunidades.
O alumnado participante achegouse á na Escola de Enxeñería Forestal e tivo que aplicar unha fórmula chamada índice de biodiversidade liquénica ou ibl que se adapta e simplifica para esta proposta.
Tamén do CFEA Lourizán era o alumnado que participou noutra das actividades desta primeira xornada, 'Novas tecnoloxías aplicadas aos incendios'. Foi unha actividade online na que, a través de exemplos prácticos dos incendios de outubro de 2017 en Pontevedra, de 2020 en Ourense e da deforestación do Amazonas e de Krakatoa, realizaron tarefas prácticas coa axuda dos satélites sentinel do programa Copernicus.
Formáronse en cuestións como: que é a teledetección? que e cales son os satélites centinela? como atopar unha imaxe centinela dun determinado lugar e data? como interpretar a imaxe? ou como saber se un incendio forestal afectou a unha superficie forestal e canto?
'O número áureo: a divina proporción' foi a actividade na que participaron os escolares do CPR Sagrado Corazón de Jesús, na que puideron comprender que as matemáticas estruturan procesos habituais na vida cotiá, entender como a proporción contribúe á beleza da obra de arte ou identificar a presenza da proporción áurea no medio próximo.
O alumnado do CEIP Plurilingüe Froebel, pola súa parte, participou na actividade 'Reaccións químicas: obradoiro científico', centrada na transmisión de coñecementos científicos a través de divertidos obradoiros de ciencia.
O proxecto, impulsado pola Concellería de Educación e subvencionado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, abordará este ano outras cuestións como ciencia sonora, mulleres científicas, cerámica prehistórica, SOS á Terra, teledetección ou coñecemento do ceo nocturno e creación dun planisferio terrestre.
Relacionadas:
-
A oitava edición de Pontenciencia xa busca os seus gañadores
Por Redacción |
-
As investigacións sobre presenza de microorganismos no aire, maioritarias en Pontenciencia 2021
Por Redacción |
-
As propostas máis contemporáneas da artesanía galega, a exposición en Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontenciencia abre esta semana os obradoiros de formación en método científico
Por Redacción |
-
Unha decena de centros educativos participan en Pontenciencia a partir do luns 9 de novembro
Por Redacción |
-
Pontenciencia transfórmase nunha semana de actividades de divulgación
Por Redacción |