Melloran a accesibilidade e os servizos do Camiño do Covelo, en Samieira
Por Redacción
As obras de mellora impulsadas no Camiño do Covelo, á altura do lugar de Riodama, en Samieira, están rematadas. Así o anunciou este luns o Concello de Poio, que lembrou que esta actuación era moi necesaria.
A actuación, que incluíu a renovación do firme e a reposición de varios servizos, tivo un orzamento superior aos 33.500 euros e realizouna a empresa EC Casas.
A concelleira de Obras e Servizos e Municipais, Chelo Besada, explicou que o tránsito constante de vehículos e a erosión provocada polas choivas facía que o camiño "estivese moi deteriorado en diferentes puntos, por iso é polo que esta actuación era tan necesaria.
O proxecto engadiu a mellora dos sistemas de drenaxe e a evacuación de augas pluviais, mediante a execución de cunetas en parte do tramo de actuación. Unha das cunetas discorre agora pola marxe esquerda, en sentido crecente, con acabado revestido en formigón. A segunda vai por ambas marxes, con acabado en terra
Esta rede completouse coa execución da conexión da cuneta de formación á rede de pluviais existente, mediante a instalación de 10 metros de tubo PVC, de 315 milímetros de grosor, ao pozo de rexistro máis próximo.
As obras tamén permitiron mellorar os accesos ás parcelas agrícolas existentes na contorna.
A empresa adxudicataria actuou nunha extensión de 448,70 metros lineais e asfaltou unha superficie superior aos 2.000 metros cadrados.