Crean un centro de estancia para persoas maiores en Campo Lameiro
Por Redacción
O novo centro de estancia para persoas maiores de Campo Lameiro xa se atopa en funcionamento. O edificio era visitado este luns polo deputado de Cooperación Santos Héctor despois de que a Deputación de Pontevedra investise nesta obra 462.716 euros dentro do Plan de Reequilibrio da institución provincial.
Carlos Costa, alcalde de Campo Lameiro, e a deputada Ana Laura Iglesias acudiron tamén a esta visita ao inmoble que ofrece unha soa altura con forma de gran caixa de formigón, conta con amplas ventás para a entrada de luz e establecer un contacto das persoas que se atopan nos distintos espazos co exterior. Entre os materiais da obra destaca a madeira e o deseño favorece a súa integración na paisaxe.
Atópase preto da igrexa de San Miguel, do cruceiro e das escaleiras do cemiterio.
O edificio conta cunha superficie de 387 metros cadrados divididos en áreas de fisioterapia e rehabilitación; ximnasio; sala de usos múltiples; recepción e administración. Na parte externa dispón dun soportal e de dous accesos.
Neste sentido, Santos Héctor destacou a accesibilidade de todo o inmoble con ramplas e sen escaleiras interiores para facilitar o desprazamento das persoas usuarias. O deputado de Cooperación subliñaba que este é un lugar de vida para un concello do rural pontevedrés que, como tantos outros, padece os efectos do envellecemento da poboación.
Tanto o representante provincial como o alcalde da localidade, de diferentes cores políticas, mostraron a súa disposición para seguir colaborando para levar a cabo proxectos que resulten beneficiosos para a cidadanía. A Deputación investiu case 3,6 millóns de euros desde o ano 2015 en 21 obras para este municipio, coa depuración e saneamento como principal actuación.
Relacionadas:
-
Campo Lameiro abre o Centro de Estancia para albergar a Unidade de Vida Activa e Saudable
Por Redacción |
-
A Xunta colaborará na urbanización da parcela do centro de estancia de Campo Lameiro
Por Redacción |
-
O Plan Concellos destina 250.000 euros a Campo Lameiro
Por Oskar Viéitez |
-
Os alcaldes do PP piden á Deputación que apoie a creación dos GES en Moraña e A Lama
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada