A Flaca e os "flaquitos" buscan familias que os adopten no Refuxio de Cambados
Por Anxo Lourido
A Flaca é unha cadela, de máis de 8 anos de idade, que levaba moito tempo vagabundeando polas rúas de Cambados. O 25 de setembro entraba no refuxio de animais e foi necesario que pasase polo veterinario para poñerlle soro ao atoparse deshidratada e moi delgada. Contábanselle todas as costelas e apenas tiña forzas para manterse en pé.
A cadela, segundo contan desde a protectora, é moi mimosa e encántanlle os paseos. Aos 33 días paría catro femias e un macho, que no Refuxio alcuman como os "Flaquitos". O nome de cada un deles foi escollido por unha seguidora en redes sociais deste colectivo que atende os animais sen fogar de Cambados.
A inicial de cada nome correspóndese con Flaca: Flaquito, Loira, Aina, Catuxa e Aloia. Tanto os cachorros como a nai buscan familias que os acollan a partir do momento en que cumpran dous meses.
Agora, a Flaca é unha supermamá, que non se separa deles. Chega a comer ata 4 veces ao día e, aínda así, a comida chégalle a pouco para poder alimentar aos seus fillos. Desde o refuxio indican que buscan familias que queiran a estes animais e poidan coidalos ben o resto das súas vidas. Desde este colectivo rexeitan as adopcións impulsivas porque lembran que os cans non son xoguetes.
Desde o refuxio poñen ao dispor das persoas interesadas na adopción o correo info@refugiocambados.es ou os teléfonos 986524670 e 673533360.