Vilaboa instala un tren de castañas no adro da igrexa polo San Martiño
Por Redacción
Vilaboa celebra este mércores 11 de novembro a festividade do seu patrón, unha xornada que este ano estará marcada pola actual situación sanitaria que ademáis de limitar a mobilidade impide as reunións familiares limitándoas aos convivintes.
Sen embargo, o Concello quere diferenciar esta xornada festiva mantendo unha das actividades con máis tradición, ainda que cun enfoque diferente. Ao non poder realizarse magostos do xeito convencional, o Concello optou por instalar un tren das castañas no adro da igrexa a partir das 17 horas. Convidan aos veciños a pasar a recoller as castañas asadas e degustalas nas casas.
Tanto o alcalde, César Poza, como a concelleira de Festas, Carmen Gallego, recordan a importancia de manter a distancia de seguridade e cumprir con todas as normas hixiénico-sanitarias que están en vigor.
"Na medida do posible queremos manter algunhas das actividades previstas e sobre todo contribuir a que a xente manteña a ilusión. A actual situación limita completamente a oferta de ocio e confiamos en que este xesto contribúa a facer que o día do patrón sexa un pouco diferente", apunta César Poza.