Cuntis impulsa un paquete de medidas para paliar os efectos da crise no comercio e a hostalería
Por Redacción
O Concello de Cuntis anunciou este martes que porá en marcha un novo paquete de medidas de apoio ao comercio e á hostalaría para 2021 para paliar os efectos da crise derivada da pandemia da covid-19 e axudar á súa reactivación.
Estas medidas vanse sumar ás xa postas en marcha ao longo deste ano e teñen a mesma orixe, o grave impacto da pandemia nestes dous sectores. Tal e como sinalou o alcalde, Manuel Campos, "comerciantes e hostaleiros non teñen a culpa da pandemia pero son os que máis están sufrindo a caída do consumo, de modo que dentro das nosas posibilidades seguiremos traballando en apoialos".
Segundo anunciou o alcalde, está previsto que o novo paquete de propostas se debata no vindeiro pleno da corporación.
Trátase, en concreto, de medidas destinadas a reducir a carga impositiva aos negocios e favorecer a súa dinamización. Así, o Concello eximirá o próximo ano da taxa por ocupación de vía pública con terrazas e outros elementos a todos os establecementos hostaleiros do municipio. Esta medida vai paralela ao aumento dos espazos para a súa colocación sen custo adicional. A taxa de 2020 xa se paralizara.
Ademais, o Concello proporá un programa de bonificacións económicas a aplicar sobre o recibo do lixo, pois, tal e como sostén Manuel Campos, os negocios que sofren a crise e viron paralizada a súa actividade "non poden seguir pagando o mesmo por servizos municipais que non utilizan na mesma intensidade".
O alcalde e outros membros do Goberno local mantiveron o luns unha nova reunión con representantes da asociación Cuntis Comercial Vila Aberta (Cucova) na que se acordou que a entidade recibirá 12.000 euros do Concello para a organización de campañas de promoción e dinamización do comercio e a hostalaría de Cuntis.
Desde o inicio da pandemia, xa se activaron campañas promocionais nos medios de comunicación e púxose en funcionamento de forma pioneira a plataforma electrónica mercacuntis.gal, na que se inclúe información de interese e se comunica á clientela con todos os comercios, bares, restaurantes e outras empresas do municipio.
Manuel Campos tamén se referiu este martes á petición dos grupos políticos da oposición en Cuntis para que o Imposto de Actividade Económicas (IAE) se bonifique aos comercios e locais de hostalería. Segundo explicou, non se bonifica porque o pequeno comercio e a hostalería xa están exentos do seu pago, ao afectar só a sociedades limitadas e a empresas de maior entidade.
Relacionadas:
-
O Concello mantén a súa aposta por mercacuntis.gal para fomentar o consumo de proximidade
Por Redacción |
-
Os hostaleiros de Cuntis reciben 1.000 euros como axuda pola pandemia
Por Redacción |
-
MercaCuntis suma unha guía física á web que reúne os comercios do municipio
Por Redacción |
-
Cuntis prolonga a suspensión de todas as actividades ata o 7 de decembro
Por Oskar Viéitez |
-
Cuntis pide aos cidadáns que consulten por teléfono antes de acudir ás oficinas municipais
Por Redacción |
-
Cuntis suspende ate o 26 de outubro todas as actividades en instalacións públicas
Por Oskar Viéitez |