Campaña para fomentar o comercio local de Caldas con cheques agasallo
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis está a traballar para conseguir a recuperación da actividade do pequeno comercio coincidindo coa tempada de Nadal. Con este obxectivo, este martes o alcalde, Juan Manuel Rey, acompañado polo concelleiro de Comercio, Jacobo Pérez, reuníase co presidente da asociación Caldas Centro Comercial Aberto, José Manuel Louzao.
Entre as diferentes iniciativas de apoio ao comercio de proximidade contempladas no convenio asinado entre o Concello e o colectivo de comerciantes, destaca a próxima entrega entre a veciñanza de Caldas de 1.650 cheques agasallo cun desconto de 3 euros cada un, que se poderán trocar nas tendas asociadas ao Centro Comercial Aberto en compras superiores a 10 euros.
Os bonos poderanse empregar a partir do 25 de novembro e ata o 9 de xaneiro, de modo que se cubre toda a campaña de Nadal.
Esta iniciativa do Centro Comercial Aberto conta co apoio económico do Concello, que se traduce nunha inxección directa de case 5.000 euros, contribuíndo así á reactivación do tecido comercial de Caldas de Reis.
Así mesmo, o Concello distribuirá entre os establecementos asociados ao colectivo 10.000 bolsas reutilizables co lema da campaña "Eu merco en Caldas". Con esta proposta búscase promocionar as compras no comercio de proximidade ao tempo que se lle ofrece aos establecementos a oportunidade de dispoñer de bolsas válidas para numerosos usos sen que isto incorra nun gasto a maiores.
O alcalde destacaba a boa sintonía e a dinámica de colaboración existente entre o Centro Comercial Aberto de Caldas e o goberno municipal. "O pequeno comercio é dos sectores máis afectados por unha crise económica da que non teñen culpa e por iso é a obriga das administracións buscar fórmulas de apoio dentro das posibilidades existentes", apuntaba Rey.
Tamén o concelleiro de Comercio, Jacobo Pérez, incidía en que "recuperar un tecido comercial minorista en bo estado de saúde é fundamental para revitalizar o conxunto da actividade socioeconómica do noso municipio e por iso tratamos de impulsar propostas que favorezan a súa reactivación".
Relacionadas:
-
Comprar en galego ten premio en Caldas
Por Redacción |
-
As bolsas reutilizables da campaña "Eu merco en Caldas" xa están na rúa
Por Redacción |
-
Un Nadal alternativo en Poio para adaptarse ao contexto da covid-19
Por Redacción |
-
Consenso no Pleno de Caldas para a rebaixa de taxas nos sectores máis afectados pola crise
Por Redacción |
-
Caldas aborda novas estratexias de dinamización urbana e económica
Por Redacción |