Silvia Díaz, concelleira de Turismo de Poio, relaciona os desperfectos nos Muíños da Freixa con actos vandálicos
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Silvia Díaz, concelleira de Turismo, achaca os desperfectos aparecidos nalgúns Muíños da Freixa, na parroquia de San Xoán, a actos vandálicos. A representante municipal lamenta que estes elementos importantes no patrimonio etnográfico do Concello, cun importante valor histórico, "sexan branco deste tipo de actos".
Desde o Concello de Poio alertan á cidadanía da importancia de que se respecten este tipo de bens. Neste sentido, a concelleira lembra que a posta a punto deste espazos é un "traballo cíclico e periódico", que se leva a cabo sobre todo durante os meses nos que se rexistra a menor afluencia de visitantes.
Silvia Díaz apunta a que os labores de conservación se realizan coa intención de que se atopen rematadas coa chegada do bo tempo. Lembra, ademais, que a concellería de Turismo acometeu durante as últimas semanas traballos para repoñer os paneis informativos e de sinalización nesta zona. Avanzou tamén que está previsto continuar co acondicionamento dos roteiros, a través da limpeza dos muíños e das sendas fluviais.
CRÍTICAS DO PP
Os representantes do PP de Poio na comisión de urbanismo trasladaron este martes ao Goberno local o seu "asombro e decepción" por ese "estado real" no que se atopan os Muiños da Freixa, pese ao investimento de 18.000 euros comunicado pola Concellería de Turismo para mellorar a sinalización.
"Quedáronlles uns carteis moi bonitos pero olvidáronse de limpar e acondicionar os muíños", dixo a concelleira do PP Rocío Cochón facendo referencia aos danos que se atoparon nalgúns dos muíños.
A edil popular amosou imaxes desta mesma semana do interior de varios dos Muíños da Freixa, "nun estado lamentable", recordando que nos últimos días desde o departamento de Turismo fixeron publicidade dunha actuación para mellorar a sinalización dos roteiros dos Muiños da Freixa e de Samieira.
A popular aceptou que a actuación sexa de utilidade para poñer en valor o patrimonio e mellorar a imaxe turística do concello, "pero iso ten que ir acompañado do mantemento dos muíños que se quere que a xente visite". Dende o PP pediron ao Goberno local "que cando actúe o faga pensando no patrimonio e non nas fotos e nas notas de prensa", explicou Cochón.