O goberno local e o PP de Poio, unidos ante a "vergoñenta" actuación de Portos de Galicia en Raxó
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O PP de Poio solicitou a "retirada inmediata " e a colocación de elementos de seguridade "acordes co lugar e co litoral no porto de Raxó" calificando como "unha vergonza" a actuación de Portos de Galicia.
O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Ángel Moldes, sinalou que "o normal e coherente sería colocar elementos seguros que eviten a caída dos vehículos á praia e con estes elementos que Portos de Galicia está a poñer non se evita unha posible caída".
Moldes insta á Xunta de Galicia "a que actúe para dotar de seguridade a este lugar; nós o fixemos xa en varias ocasións por escrito á propia presidenta de Portos de Galicia: queremos que se actúe antes de que suceda unha desgraza".
Desde o PP de Poio solicitan actuacións similares ás que se realizaron en Cambados, Vilanova de Arousa ou a Illa de Arousa instalando uns elementos de protección que eviten a caída de vehículos e que vaian acordes ao entorno.
"Xa caeron persoas, vehículos e ciclistas, que están esperando a que queden atrapadas persoas debaixo dos coches?", pregunta Moldes.
O GOBERNO MUNICIPAL SÚMASE ÁS CRÍTICAS
A estas críticas tamén se sumou o goberno municipal, que insta a Portos de Galicia a adoptar "medidas efectivas" para mellorar a seguridade no peirao de Raxó. Tras expresar a súa sorpresa e o seu malestar, o Concello asegura que os elementos instalados son "totalmente insuficientes" para evitar episodios pasados que "puideron provocar unha desgraza".
O equipo liderado por Luciano Social considera unha "burla aos veciños" esta actuación, que cualifican como un "amago de parche" que en ningún caso garantirá que se eviten futuros accidentes.
De aí que o Concello inste á Xunta de Galicia a reactivar o convenio asinado en 2009 polo que se comprometía a rehabilitar os peiraos de Raxó e Covelo, cunha inversión de máis de 3 millóns de euros e que, entre os seus beneficios, figura, precisamente, a mellora da seguridade peonil e viaria.
"Se a curto prazo non se vai a executar ese proxecto, o mínimo é que se acometan actuacións serias e se instalen elementos eficaces para mellorar a seguridade e evitar accidentes", conclúe o goberno local.
Relacionadas:
-
Portos de Galicia e o Concello abren unha vía de colaboración para remodelar os portos de Raxó e Covelo
Por Oskar Viéitez |
-
Portos de Galicia responde ao Concello e o PP de Poio que balizou os accesos ao porto de Raxó seguindo criterios técnicos
Por Redacción |
-
Esquece poñer o freo de man e o seu coche precipítase á praia
Por Oskar Viéitez |