Investigan un mozo ciberdelincuente por estafar a unha adega do Salnés
Por Oskar Viéitez
Un mozo de 26 anos, con residencia en Madrid, está a ser investigado pola Garda Civil de Sanxenxo como presunto autor dunha estafa electrónica na que logrou subtraer máis de 13.000 euros a unha empresa do Salnés.
Segundo fontes oficiais do Instituto Armado, a investigación iniciouse no pasado mes de agosto e xunto aos axentes de Sanxenxo colaborou a Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil de Madrid.
A operación iniciouse tras recibir a denuncia dunha adega por unha suposta estafa. O ciberdelincuente utilizou o correo electrónico desta empresa coa emisión dunha factura que nunca chegaría a materializarse.
Trátase do método coñecido como "Business Email Compromise", no que, as conversacións mantidas por correo electrónico son espiadas e intervidas de maneira fraudulenta, os autores da estafa alteran a correspondencia entre as dúas empresas con relación comercial e modifican a factura pendente de pago para que sexa abonada nunha das súas contas, cantidade que logo transfiren ao estranxeiro.
Neste caso e, aínda que o diñeiro xa fora transferido en parte, a Garda Civil puido identificar ao titular da conta en España na que se fixo o ingreso, un home residente en Madrid, ao que se lle investigou polo suposto ilícito.
Os feitos foron postos en coñecemento do Xulgado de Garda de Cambados diante do que terá que comparecer o presunto autor cando sexa citado para iso.