A Deputación aprobará o 20 de novembro un orzamento de 164,5 millóns de euros para "transformar a provincia"
Por Natalia Puga
A Deputación Provincial de Pontevedra aprobará previsiblemente o seu novo orzamento anual o vindeiro 20 de novembro. Será nun pleno extraordinario no que o equipo de goberno PSOE-BNG presentará un proxecto de contas que ascende a 164,5 millóns de euros, un 2,1% superior a 2020 e a constatación dunha evolución ascendente desde os primeiros orzamentos do Bipartito en 2015, que ascenderon a 148 millóns.
A presidenta e o vicepresidente da Deputación, Carmela Silva e César Mosquera, presentaron este mércores a súa proposta, que irá o día 16 de novembro ás comisións informativas correspondentes e da que destacan que se basean en dous grandes principios: potenciar o investimento público para reactivar a economía e cumprir coa axenda 2030 que xa comezaron a perseguir cos orzamentos de 2019.
Cifras aparte, Silva quixo destacar que este orzamento "non é unha suma de euros", senón que "ten moi claro que é o que quere facer esta provincia, transformala". Trátase dun proxecto "estruturante" para a provincia, un "orzamento pensado para cambiar a provincia", un proxecto "ben pensado e ideado" que está adaptado á situación excepcional da pandemia e permitirá a reactivación da provincia.
Carmela Silva destacou o "enorme esforzo" do goberno provincial para a súa elaboración e aprobación nas mesmas datas que en anos anteriores, pois o seu obxectivo é que poidan entrar en vigor o 1 de xaneiro para que os concellos poidan empezar a recibir fondos cos que poder facer fronte á "situación tan complicada" derivada da pandemia da covid-19 e a propia Deputación poida desenvolver os seus proxectos propios. Foi necesario moito traballo porque este ano as informacións sobre os ingresos que recibirán doutras administracións chegaron con máis demora da habitual.
A presidenta provincial tamén insistiu en que un dos aspectos máis destacable destes orzamentos é o nivel de endebedamento, pois grazas ao "enorme esforzo de redución de débeda", pasouse dunha débeda de 40,98 millóns de euros en 2015 a 0,9 millóns, que "realmente é débeda cero" e supón ter solvencia económica.
As contas que presentaron Silva e Mosquera contemplan 61,2 millóns de euros para o traballo cos concellos. Neste eido, a presidenta provincial destacou que a Deputación de Pontevedra é a institución provincial do Estado que máis cartos transfire aos concellos, pois a media estatal é do 18,24% dos recursos e en Pontevedra supoñen un 35,34%.
O traballo cos concellos é a partida máis elevada das contempladas nas contas, á que hai que sumar 17 millóns para reforzo de política social, 35,5 millóns para medio ambiente e políticas de sustentabilidade, 21 millóns de euros para reactivación cultural, turística e deportiva e 1,4 millóns de euros para accións específicas de Igualdade. En relación con este último punto, Carmela Silva destacou que a políticas de igualdade se adican, en realidade, moitos máis recursos, pois é un "eixo transversal" do goberno que lidera.
César Mosquera avanzou tamén que este orzamento pode ser finalmente maior porque a previsión de ingresos pode variar e en febreiro previsiblemente poderase coñecer as cifras definitivas que recibirán de fondos europeos e tamén o balance final dos remanentes do orzamento deste ano.
Os remanentes ou os cartos que se recibirán do Fondo de Reactivación non se poderán coñecer con total certeza nestes momentos, pero xa calculan que en total poderán supoñer unha inxección de fondos á Deputación de 40 ou 45 millóns, permitindo superar os 200 millóns de euros de orzamento. O resultado será, segundo Mosquera, que en 2021 darase a intervención "máis excepcional e potente" das que se fixo historicamente na Deputación.
Para logralo, Mosquera avanzou que están a elaborar un Plan Estratéxico de captación de Fondos Europeos e xa están a traballar nos proxectos que poidan optar a fondos europeos para telos preparados tan pronto se abran as convocatorias.
Relacionadas:
-
Novo "numerito" no pleno da Deputación en que se aprobaron os orzamentos para 2021 co PP abandonando a sala
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os populares reclaman á Deputación máis gasto social, axudas para autónomos e o aumento do Plan Concellos
Por Oskar Viéitez |
-
O PP cualifica de "inmoral e indigno" o aumento de soldos e dedicacións exclusivas na Deputación
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
O proxecto 'Ágora' da Deputación para recuperar espazo público aspira a obter fondos europeos
Por Redacción |
-
O PP esixe á Deputación dez millóns de euros para salvar a pemes e autónomos da provincia
Por Manu Otero |
-
A Deputación aposta por un gran pacto provincial para a desescalada
Por Redacción |
-
Aprobado definitivamente o orzamento da Deputación sen que o PP presentase alegacións
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
O pleno da Deputación aproba o orzamento para o próximo ano
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |