"Nada me gustaría máis que decir que non haberá un novo confinamento, pero non podo facelo"
Por Oskar Viéitez
"Nada me gustaría máis que decir que non haberá un novo confinamento, pero non podo facelo". Así o dixo este mércores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha comparecencia no Parlamento de Galicia a pedimento da oposición.
"Non facer nada non é unha opción. Pechar todo baixo sete chaves, traballaremos para evitalo. Non ten sentido aplicar medidas homoxéneas cando as diferenzas son notables" entre municipios. Ao mesmo tempo, Feijóo defendeu algunhas accións comúns para todo o territorio, como a limitación das reunións en toda Galicia.
"Lamentablemente non podemos desbotar que o modelo neste proceso sexa o de peches e aperturas progresivas ata que haxa vacina. É a única opción de controlar o avance da pandemia, mantendo un nivel de actividade aceptable", sentenciou, incidindo en que o alivio das medidas decidirase en base a un só criterio: a proposta do comité clínico, segundo a evolución epidemiolóxica de semanas anteriores.
Na Cámara galega o presidente explicou que nesta segunda onda do coronavirus a Xunta trata de impedir que a presión asistencial chegue a colapsar o sistema sanitario, protexendo aos colectivos máis vulnerables e co obxectivo de evitar un novo confinamento xeneralizado.
Núñez Feijoo recoñeceu problemas no sistema de rastrexo e comprometeu unha maior especialización e un reforzo de persoal e a creación de áreas específicas, como a creada para o seguimento dos casos relacionados coa educación. Tamén desvelou que actualmente son uns 700 rastreadores ademais do labor de 5.600 profesionais de atención primaria.
"E, desde o 4 de novembro, atópanse dispoñibles na plataforma loxística do Sergas outros 300.000 tests de antíxenos para o seu uso por parte dos servizos de urxencias hospitalarias e da atención primaria", resaltou.
Tamén anunciou a implantación dun "sistema de autodeclaración" para que as persoas que estiveron en contacto con positivos introduzan os seus datos nun formulario a través de Internet e poidan ser contactados polos expertos.
Boa parte do discurso de Feijóo ocupárono as críticas á xestión do Goberno de España que preside Pedro Sánchez, entre outros argumentos dixo que "a delegación de competencias non significa que o Estado se ausente e a cogobernanza non é desgobernanza".
Finalmente, o presidente do Executivo autonómico tamén avanzou o contido de dous novos proxectos lexislativos para mellorar a resposta sanitaria e para recompilar todos os instrumentos que guiarán á reactivación económica.
Neste punto referiuse ao sector da hostalería"e xa adianto que tamén deseñaremos con eles instrumentos de apoio para enfocar a reapertura, como axudas a fondo perdido para a instalación de terrazas, de acordo coa normativa municipal", dixo, anunciando tamén a aprobación no Consello de mañá xoves dun mecanismo de financiamento específico, como a liña IFI- COVID, dotada con 10 millóns de euros, para os sectores máis castigados –vendedores ambulantes, economía social, lecer nocturno, lecer infantil…-, con tres anos de carencia e a tipo practicamente cero.