A campaña municipal de revisión e reparación de beirarrúas chega a María Victoria Moreno
Por Redacción
O Concello de Pontevedra está inmerso nunha profunda campaña de revisión dos espazos públicos urbanos. A rúa María Victoria Moreno está a recibir a visita das cuadrillas municipais para revisar o estado das beirarrúas e poñer solución a todos os defectos que vaian atopando.
Nas próximas semanas, os operarios do departamento de Mantemento de Espazos Públicos Urbanos, que dirixe a concelleira Eva Vilaverde, desprazaranse á avenida de Lugo e outros emprazamentos para analizar o estado dos itinerarios peonís urbanos.
Este tipo de actuacións puxéronse en marcha no mes de abril coa contratación dun equipo específico para o mantemento destes espazos. A brigada da empresa adxudicataria Covsa conta co reforzo de tres operarios municipais dedicados a esta tarefa a tempo completo. Desde entón, executáronse xa 33 intervencións en distintos puntos da cidade.
"O mantemento dos itinerarios peonís é unha prioridade durante todo o mandato pero neste momento cabe intensificalo máis se cabe pola chegada das chuvias e do inverno, porque de todos son coñecidas as dificultades provocan nos pavimentos e nas zonas peonís", sinala a edila nacionalista.
Durante o mes de outubro, a brigada municipal e a de Covsa realizaron actuacións de supervisión en rúas de barrios de case toda a cidade, entre as que están Santa Teresa de Jesús Jornet, Diego Sarmiento Acuña - Conde de Gondomar, Maruxa Mallo, Abundancia, Carrasqueira, San Amaro, Campo Santo, Pintor Laxeiro, Estrada, Losada Diéguez, Rafael Dieste, avenida Juan Carlos I, Juan Bautista Andrade, Arcebispo Malvar, Eirín, Iglesias Vilarelle, Eduardo Pondal, Camiño de Ferro ou na avenida de Buenos Aires, entre outras.