Lectura, películas e exposicións axudarán a traballar co alumnado de Marín contra a violencia de xénero
Por Redacción
O traballo cos centros educativos será este ano un dos eixos fundamentais de traballo da Concellería de Benestar Social de Marín de cara á conmemoración do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), ofrece aos colexios actividades adaptadas a diversas etapas educativas.
Desde o CIM ofrecen actividades para que o persoal docente poida levar a cabo nas aulas co alumnado de educación infantil, primaria, bacharelato e ciclos.
Para educación infantil a proposta do CIM é 'A Caixa máxica de Igualandia', unha actividade de iniciación á lectura utilizando como fío condutor os contos infantís en valores de igualdade e contra a violencia de xénero que dan nome á actividade.
A boneca protagonista da historia foi fabricada artesanalmente por unha muller vítima de violencia de xénero marinense chamada Alma. Ao non poder facilitar a boneca a cada centro, achegarase un cartafol da campaña para cada clase de Educación Infantil e unha lámina para colorear un corazón.
Pensando no alumnado das etapas de educación primaria, a proposta é 'Un pensamento contra a violencia de xénero', unha actividade que ten como finalidade a creación de mensaxes/debuxos contra a violencia de xénero en positivo. Estas mensaxes escribiranse ou debuxaranse nun adhesivo que será facilitado polo Concello.
Ademais, pensando en primaria, bacharelato e ciclos organizarase unha mostra que conta coa participación de mulleres vítimas de violencia de xénero marinenses que facilitaron a súa imaxe para loitar contra esta terrible lacra e tamén se lles repartirán os bolígrafos coa bandeira da diversidade. Trátase da exposición de arte fotográfica Cadeas Rotas.
Para estes niveis educativos tamén se facilita a película subtitulada en español En el tiempo de las mariposas, cedida ao CIM polo seu director, Mariano Barroso, para que os centros educativos de Marín usen o seu contido na prevención e sensibilización contra a violencia de xénero; e farase chegar aos centros unha carta aberta á liberdade escrita por unha rapaza vítima de violencia de xénero vinculada ao CIM de Marín. Supón un relato da súa experiencia vital co que se traballará nas clases.
Relacionadas:
-
O Centro de Información á Muller de Marín rexistrou 906 consultas durante 2020
Por Redacción |
-
Cacerolada en Marín no Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres
Por Redacción |
-
Pontevedra rexistra 1.095 casos activos de violencia de xénero
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Un 'Lazo Violeta' colectivo para a loita contra a violencia machista durante a pandemia
Por Redacción |
-
Marín denunciará o próximo 25-N que "a pandemia e as súas consecuencias afecta máis ás mulleres"
Por Redacción |
-
O Concello de Marín realiza seguimento a 29 casos de violencia machista no municipio
Por Redacción |