As chuvias regresarán ás Rías Baixas a partir da tarde do sábado
Por Redacción
Unha fronte pouca activa atópase, este xoves 12 de novembro, no noroeste de Galicia, pero apenas terá incidencia nas Rías Baixas. Os ceos estarán parcialmente cubertos, con máis nubes no oeste da Coruña e no norte da provincia de Pontevedra, con posibilidade dalgunha precipitación feble e ocasional durante a mañá. As temperaturas ascenderán lixeiramente, para situarse entre os 12 e os 20 graos, con ventos que soprarán moderados de compoñente sur, segundo a información facilitada polo servizo de MeteoGalicia.
Durante este venres, a comunidade manterase baixo a influencia das altas presións, con ventos de compoñente sur. Agárdase unha xornada de ceos pouco anubrados ou despexados. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso para establecerse nos 11 graos mentres que as máximas continuarán ao redor dos 20 graos. Os ventos do sur terán forza moderada no litoral.
A partir do sábado 14, as Rías Baixas volverán quedar nunha zona intermedia entre as altas presións situadas no Mediterráneo e as borrascas do Atlántico. Predominarán as nubes baixas con choivas máis persistentes a partir do mediodía. As temperaturas descenderán lixeiramente. O vento seguirá a soprar de maneira moderada de compoñente sur.
A situación seguirá sendo similar á tarde do sábado durante o domingo, con Galicia situada nunha zona intermedia entre as altas e as baixas presións, con predominio dos ventos de compoñente sur. A posibilidade de precipitacións será alta na franxa atlántica e moi baixa no resto da comunidade. As temperaturas irán descendendo para establecerse entre os 10 e os 17 graos. Ao longo da semana, a situación será similar con intervalos nubrados e elevada posibilidade de precipitacións.