Comezan as conferencias científicas para escolares na Illa de Arousa
Por Redacción
Este venres 13 comeza o primeiro Ciclo de Conferencias Científicas Aida Fernández Ríos, que organiza a Deputación de Pontevedra en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencias.
Esta iniciativa, que se desenvolve en cinco centros escolares da provincia ata decembro coa intención de estimular futuras vocacións na área da ciencia entre o estudantado, chega ao IES de Illa de Arousa. Alí, a catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago de Compostela Alicia Estévez Toranzo impartirá unha charla baixo o curioso título de 'Os peixes tamén van ao médico'.
Alicia Estévez, que é vicepresidenta da Real Academia Galega de Ciencias e directora do grupo de Patoloxía en Acuicultura da Universidade de Santiago ofrecerá a súa exposición a estudantes de cuarto curso de ESO. Durante a conferencia explicará a importancia da acuicultura para facer fronte de forma sostible á demanda de produtos mariños sans e nutritivos por parte da poboación mundial. Tratará as posibles enfermidades que poden afectar ás distintas especies e a necesidade de previr as patoloxías para mellorar o benestar animal e evitar o uso de antibióticos.
Tamén explicará con parámetros sinxelos os pasos que se seguen nun laboratorio de microbiología ata que se logra unha vacina e os estudos que desenvolven os grupos investigadores.
A relatora é catedrátia e foi galardoada co premio nacional de Investigación Jaime Ferrán, ademais publicou máis de 200 artigos en revistas científicas e colaborado noutras publicacións. Tamén desenvolveu unha decena de patentes de vacinas para previr enfermidades tícias de peixes de consumo habitual que se producen en piscifactorías, como é o caso da troita ou o rodaballo.