Catro meses de traballos de restauración para acabar coas humidades na basílica de Santa María
Dar resposta aos problemas detectados na basílica. Ese é o obxectivo dos traballos de restauración e conservación que se farán durante o próximos catro meses na basílica de Santa María A Maior. Neles, a Xunta de Galicia inviste máis de 275.000 euros.
Estes traballos comezaron este xoves na cuberta da nave principal, onde se actuará para mellorar a súa impermeabilización. Carlos Rosón, arquitecto do proxecto, explicou que esta restauración busca atallar "fundamentalmente" problemas de humidades.
Así, actuarase no pavimento da torre "que está moi deteriorado", segundo Rosón, e polo que se producen filtracións ao interior do templo, arranxando ademais unha baixante que está rota para poder conectar o desaugadoiro e que auga poida evacuar sen obstáculos.
As obras inclúen intervencións en todas as cubertas da basílica, xa que nalgunhas delas "a uralita desprazouse", segundo o arquitecto, o que provocou que as tellas obstruíran os canlóns "e estes non están a funcionar". Por iso, vai retirar toda a tella das cubertas, repoñer as uralitas deterioradas e realizarase unha nova cubrición.
Ademais, impermeabilizaranse os contrafortes da fachada, "que son os que fan que vexamos dentro da basílica as manchas de humidade e que apareza o verdín", engadiu Carlos Rosón. Tamén se restaurarán todas as vidreiras da basílica, que serán retiradas para botarlle o chumbo de novo e colocar os cristais "que non están en condicións".
As da primeira planta, ademais, serán protexidas por un vidro "antivandálico", o que xunto co arranxo dun tramo da cestrería duns tres metros que esborrallou e a revisión de todas as ancoraxes para asegurar a estabilidade da estrutura, completará esta ambiciosa actuación de conservación.
A maiores, acometeranse tarefas de limpeza e arrexuntado con morteiro de cal na fachada sur da basílica e na ábsida.
Durante a visita a estas obras, a delegada da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, destacou que esta actuación permitirá " garantir a protección e conservación" dun dos "referentes" do patrimonio arquitectónico da cidade de Pontevedra.
Piñeiro estivo acompañada entre outras autoridades pola directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, e o párroco de Santa María, Javier Porro.