Deciden controlar a temperatura no acceso a edificios municipais de Poio ante o ascenso de casos positivos
Por Redacción
A Comisión de Emerxencias da covid-19 mantiña este xoves un encontro para estudar a situación actual do municipio de Poio. Durante esta reunión, os integrantes decidían adoptar novas medidas. Entre elas destaca o control de temperatura a todas as persoas usuarias de equipamentos municipais.
Marga Caldas, concelleira de Seguridade Cidadá, afirmaba que se realizarán medicións de temperatura tanto no acceso ao edificio do Concello, como no ximnasio, na Casa Rosada e nas dependencias da Policía Local.
Con esta medida pretenden evitar posibles contaxios e salvagardar a saúde da veciñanza e do persoal municipal. Tamén se pedía desde o Concello responsabilidade ás persoas residentes en Poio e solicitan que aposten por fórmulas telemáticas ou por citas previas, no caso de que sexa imprescindible acudir a estes espazos para realizar xestións presenciais.
Esta decisión adoptábase debido ao incremento de casos de persoas positivas durante os últimos días. Actualmente, no Concello de Poio hai 63 casos activos, que se suman aos 193 contactos estreitos que se atopan en seguimento, segundo os datos ofrecidos polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no encontro telemático cos representantes municipais da comarca de Pontevedra que forman parte do peche perimetral decretado a semana pasada.
O alcalde Luciano Sobral mostraba a súa preocupación porque "a situación non mellora" e mantén que o Concello velará porque se cumpran as restricións. Desde o goberno local lembran que manteñen operativos servizos como a limpeza e desinfección de centros de saúde e espazos públicos; a entrega de medicinas e alimentos, ademais da retirada específica do lixo no caso de persoas enfermas ou que se atopen en corentena.
A Policía Local continuará exercendo controis de tránsito de vehículos e de cumprimento do peche de actividades non esenciais.
Relacionadas:
-
A covid-19 estabilízase na área salvo en Sanxenxo, Poio e Cambados, onde crecen os contaxiados
Por Alejandro Espiño |
-
A covid-19 dá un respiro a Pontevedra e Vilagarcía, pero continúa disparada en Sanxenxo
Por Alejandro Espiño |
-
Poio volverá bonificar a taxa de lixos aos seus hostaleiros mentres dure o peche
Por Redacción |
-
A covid-19 mantén en alerta vermella oito municipios da área sanitaria e segue sumando casos en Poio, Marín e Sanxenxo
Por Natalia Puga | Creada e actualizada