Un novo robot permitirá axilizar os resultados de probas PCR na área sanitaria ao dar 300 resultados en oito horas
Por Redacción
Un novo robot bautizado Alinity axudará a axilizar a detección da covid-19 na área sanitaria. Trátase dun novo sistema xa instalado no servizo de Microbioloxía do Hospital Provincial que está en proceso de ensamblaxe final e, unha vez que se poña en funcionamento, permitirá dar ata 300 resultados de probas PCR en 8 horas.
A xefa de servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, a doutora Marta García Campello, explicou que Alinity permite dar resultados máis rápidos á poboación.
Segundo explicou, desde o inicio do pandemia o servizo viuse ante unha situación "difícil" para dar resposta á demanda diagnóstica da covid-19. Xa en setembro se incorporou un novo equipo e agora volvían verse escasos para responder á demanda e incorporaron este novo aparato, "un sistema múltiple paramétrico para PCR a tiempo real".
Desta maneira, poderá darse resposta ao volume "enorme diario" de probas. A súa capacidade operativa pode chegar a executar eses 300 resultados en 8 horas e tamén 1.100 determinacións analíticas en 24 horas.
A posta en servizo deste robot será "inminente" durante o mes de novembro, segundo anunciou a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
O robot Alinity inclúe diversos sistemas automatizados de procesamento capaces de asumir ata 20 técnicas diferentes en paralelo, cun alto grao de proceso de mostras urxentes grazas á súa capacidade de velocidade analítica de probas de diagnóstico dentro dunha plataforma máis pequena e versátil.