Portos de Galicia responde ao Concello e o PP de Poio que balizou os accesos ao porto de Raxó seguindo criterios técnicos
Por Redacción
Portos de Galicia respondeu este xoves ás críticas que o mércores realizaron desde o Concello e o PP de Poio sobre o balizamento da vía de acceso ao peirao de Raxó. Despois de que pediran a "retirada inmediata " e a colocación de elementos de seguridade "acordes co lugar e co litoral", a entidade autonómica explicou que a solución adoptada "vén avalada polos servizos técnicos".
Ademais de dar a coñecer a súa versión da situación en Raxó, Portos de Galicia fai un chamamento á responsabilidade institucional e insta aos representantes dos veciños de Poio a respectar as decisións avaladas por criterios técnicos deixando á marxe intereses partidistas.
Segundo explicou Portos de Galicia a través dun comunicado, esta solución ten o aval dos servizos de prevención de riscos contratados polo ente público para informar sobre o estado da zona. En base ao informe deste servizo, optaron por un balizamento do desnivel existente entre a calzada e a praia e non unha barreira física, como medida de mellora da seguridade.
Nesta mesma liña, explican que a decisión de non instalar unha barreira física vén ratificada polo informe técnico de prevención de riscos solicitado por Portos de Galicia a unha empresa externa especializada ante a solicitude de actuación trasladada polo Concello.
Este informe recolle que o risco identificado na zona é a caída a distinto nivel, xa que o desnivel a salvar está en torno a 60-80 centímetros e que, para este risco, a medida preventiva que se establece é a sinalización do mesmo, neste caso realizada a través da liña amarela paralela ao cantil do areal (as zonas nas que o desnivel é superior atópanse protexidas mediante varandas).
Desde Portos de Galicia indican que a vía ten limitación de velocidade a 30 quilómetros por hora e conta xa coas “medidas preventivas que a lexislación laboral require”, pero que "en aras da colaboración institucional e para atender a demanda do Concello de Poio", Portos de Galicia decidiu reforzar a sinalización a través dos separadores reflectantes que se están a instalar.
En resposta ás críticas realizadas polo goberno local, explican que esta proposta trasladouse ao Concello de Poio por escrito o pasado 2 de novembro e persoalmente ao alcalde e á concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, nunha reunión en Portos de Galicia este luns 9 de novembro sen obter obxección algunha pola súa parte.
Relacionadas:
-
O goberno local e o PP de Poio, unidos ante a "vergoñenta" actuación de Portos de Galicia en Raxó
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada