O proxecto 'Ágora' da Deputación para recuperar espazo público aspira a obter fondos europeos
Por Redacción
O deputado provincial responsable de Mobilidade e Espazo Público da Deputación, Uxío Benítez, viaxou a Madrid para manter un encontro co director xeral de Axenda Urbana e Arquitectura do Ministerio de Mobilidade e Axenda Urbana, Iñaqui Carnicero, ademais de persoal técnico de ambas as administracións.
Durante este encontro presentouse o proxecto 'Ágora', da Deputación de Pontevedra, no que se prima o espazo público dentro da provincia. Benítez afirmaba despois do encontro que notou moi boa sintonía e receptividade por parte dos representantes do ministerio ao entender que desde a institución provincial é unha das entidades que está a traballar en recuperar espazo público para as persoas fronte ao vehículo privado.
O proxecto 'Ágora' ten previsto reverter a tendencia actual de invasión de vehículos de motor de zonas públicas. A intención é que en 2023 os lugares para peóns sexan maioritarias nos 44 concellos adheridos a este plan, un 75% dos municipios.
O deputado afirma que a pandemia da covid-19 provocou tamén a necesidade nos concellos de xerar espazos seguros e amplos para manter a distancia física entre as persoas.
A intención por parte de Uxío Benítez é que se estableza unha colaboración permanente entre ambas as administracións. Desde o ministerio indicáronlle que os fundamentos e os obxectivos de 'Ágora' axústanse á Axenda Urbana Española e están relacionados coas propostas do ministerio en relación á economía baixa en carbono. Ademais atópase na liña da Axenda 2030 da Unión Europea, que busca facer das cidades e as vilas espazos de convivencia amables, acolledores, saudables e concienciados. Por este motivo, conta con opcións de obter financiamento europeo para estes fins.
A rede 'Ágora' conta na comarca de Pontevedra coa adhesión do Concello de Pontevedra, de maneira simbólica, Poio, Barro, A Lama e Cerdedo-Cotobade. Na comarca de Caldas atópanse Caldas, Catoira, Moraña e Portas, ademais de Cuntis, que mostrou interese nesta iniciativa.
Na comarca do Morrazo sumáronse Marín, Vilaboa, Bueu e Moaña. Mentres que no Salnés, a adhesión foi global coa suma dos concellos de Vilagarcía, Sanxenxo, O Grove, A Illa de Arousa, Cambados, Ribadumia, Meaño e Meis.
Relacionadas:
-
Os 'Concellos Ágora' en Pontevedra implantarán a zona 30 de xeito "inminente"
Por Redacción |
-
Aprobado por unanimidade o Plan de Mobilidade urbana e sostible
Por Redacción |
-
A Deputación aprobará o 20 de novembro un orzamento de 164,5 millóns de euros para "transformar a provincia"
Por Natalia Puga |
-
A Deputación convoca o concurso ‘Reacción polo Clima’ para pezas audivisuais de xente nova
Por Noticia patrocinada |
-
A Deputación de Pontevedra entra no Consello de Goberno da nova Rede Local para a Axenda 2030
Por Redacción |