Bueu estreará en novembro un servizo de prevención e información sobre adiccións
Por Redacción
Unha colaboración entre o Concello de Bueu e a asociación Érguete permitirá que a partir do 16 de novembro se poña en marcha un servizo de prevención e información sobre adiccións.
A iniciativa está dirixida á poboación máis nova e ten entre os seus obxectivos ofrecer información sobre as diferentes substancias e os efectos derivados do seu consumo, alertar sobre as situacións problemáticas que poden derivar do consumo de drogas e doutras condutas aditivas e propoñer os recursos dispoñibles máis próximos.
O servizo será totalmente gratuíto con cargo a unha subvención da Xunta de Galicia e ofrecerá información de luns a venres entre as 8.30 e as 15.00 horas a través do enderezo electrónico asociacionergueteprevencion@gmail.com ou no teléfono 634331233 (vía whatsapp).
Segundo explica a coordinadora de prevención de Érguete, Laura Durán, con este servizo, a xente nova de Bueu terá unha ferramenta accesible e segura para poder previr e recibir axuda no caso de problemas de condutas aditivas.
A asociación Érguete, fundada nos anos 80 por un grupo de nais contra a droga, ten como figura máis visible aMaría Carmen Avendaño e traballa para fomentar hábitos de vida saudables, xerar oportunidades e prestar servizo a persoas e familias afectadas por condutas aditivas, ou de risco, intervindo no ámbito xurídico, social, preventivo e educativo.