Baixan a sete os concellos da área sanitaria en alerta vermella por alta incidencia de covid-19
Por Natalia Puga
A alerta vermella por alta incidencia de covid-19 afecta este venres 13 de novembro a un municipio menos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés que nos últimos días. Tras varias xornadas con oito concellos neste nivel 3 de alerta por número de positivos por PCR nos sete días anteriores, este venres tan só hai sete.
Os sete municipios neste nivel 3 de alerta son Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Ribadumia e Cambados. Segundo os datos achegados por Sanidade, caen da lista O Grove e Soutomaior, pero inclúese Cambados, que nas últimas semanas moveuse dunha situación a outra e levaba varios días en nivel 2 ou laranxa.
En Pontevedra, segundo as cifras facilitadas pola Consellería de Sanidade ao Concello, hai 12 casos activos máis que o xoves, o que implica que o total de veciños coa infección activa sitúase este venres en 377.
A cidade do Lérez segue sendo, como consecuencia directa da súa maior poboación, o municipio con máis casos activos. O segundo é Marín, que, tras varios días, baixou dos 100 casos activos. Este venres son 94 , seis menos que os contabilizados o xoves.
En Poio, segundo os datos facilitados este venres, crece a incidencia, con catro casos activos máis que o xoves que sitúan o total de pacientes coa infección activa en 67.
Vilagarcía, pola súa banda, ten 79 casos activos, dous menos que no último balance, e Cambados ten 65 casos activos tras rexistrar dous máis nas últimas 24 horas.
Sanxenxo, do que a Consellería de Sanidade dixo este venres que está en "especial observación", tamén sumou novos casos e ten este vernes 72, tres máis que o xoves.
No nivel de alerta laranxa ou 2 ao que pasaron este venres O Grove e Soutomaior tamén está Caldas de Reis. É o único que repite. En Soutomaior os casos activos ascenden a 41 (un menos que o xoves).
Cuntis, Meis, Meaño, Vilaboa, Bueu e A Lama están con nivel de alerta 1 (amarelo).
O resto da área sanitaria mantense en nivel de alerta 0 (verde) porque se detectaron menos de sete contaxios na última semana. Este nivel verde afecta a Ponte Caldelas, Barro, Portas, Vilanova de Arousa -con 21 casos activos, dous máis que o xoves-, A Illa de Arousa, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e Moraña.
Relacionadas:
-
O alcalde de Vilaboa, positivo por covid-19, apúntase ao teletraballo
Por Redacción |
-
A área sanitaria suma 64 novos positivos por covid-19 tras unha xornada con 926 PCR
Por Natalia Puga |
-
A covid-19 estabilízase na área salvo en Sanxenxo, Poio e Cambados, onde crecen os contaxiados
Por Alejandro Espiño |