Servizos Sociais pon en marcha unha liña telefónica directa para atender á cidadanía de Vilaboa
Por Redacción
O Concello de Vilaboa establece unha nova medida coa intención de axilizar os trámites de axudas de emerxencia, debido ao incremento durante as últimas semanas da petición deste servizo.
Agora presenta unha liña telefónica propia destinada ao departamento de Servizos Sociais para ofrecer comunicación directa entre a cidadanía e as dúas traballadoras deste servizo no Concello. Desta forma, preténdese axilizar as tramitacións precisas.
O número de atención é o 607.966.260 e atenderase ás persoas usuarias desde as 09.00 ata as 14.00 horas. Concertaranse citas, achegarán información e resolverán calquera dúbida sobre temas sociais. A través desta vía atenderanse tanto chamadas telefónicas como whatsapp ou sms.
Desde o goberno local sinalan que se busca achegar á administración local e os programas de emerxencia reforzados polo Concello con motivo da pandemia ás familias que necesiten axudas ou asesoramento.
Afirman que, nas últimas semanas, rexistráronse numerosas demandas de axuda de emerxencia para afrontar gastos básicos como o aluguer, o pago de recibos ou a compra de alimentos de primeira necesidade. Entre os casos destacan aquelas familias con escasas posibilidades de aforro que se viron afectadas polo atraso no pago dos ERTEs.