Caldas activará un novo obradoiro de emprego para a recuperación paisaxística da área da Fábrica da Luz
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis porá en funcionamento un novo obradoiro de emprego dual que formará aos participantes de maneira teórica e práctica en "actividades auxiliares en conservación e mellora de montes" e "actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría".
O proxecto presentado polo Concello ante a Consellería de Emprego baixo o nome de "Os camiños do camiño" contempla a formación de 15 persoas e a entrega ao finalizar cada módulo dun certificado profesional acreditativo.
Así mesmo, a iniciativa prevé un módulo especial de mantemento e restauración de obras de pedra natural, a fin de preparar ao alumno-traballador cunha adecuada formación profesional para o emprego que o acredite para o posto de traballo a desempeñar. Tamén prevé que se impartan 100 horas de formación complementaria, alcanzando un total de 740 horas de actividade formativa.
O alcalde, Juan Manuel Rey, avanzou este venres a concesión deste novo obradoiro de emprego por parte da Xunta de Galicia destacando "que é unha gran noticia para Caldas, pois permitirá seguir avanzando na creación de emprego ao tempo que servirá para desenvolver o proxecto do goberno municipal para mellorar e poñer en valor a contorna da Fábrica da Luz".
"Cremos que presentamos un bo proxecto, tanto na forma coma no fondo e por iso estamos moi satisfeitos de que a Xunta nos dese o visto bo", indicou. Para el, "en momentos de crise como o actual é especialmente importante que as administracións poidamos axudar aos nosos veciños e veciñas a formarse e a mellorar as súas posibilidades de acceder a un posto de traballo".
Pola súa banda, o concelleiro de Obras e Medio ambiente, Manuel González, tamén subliñou a importancia deste novo obradoiro de emprego "que conta cunha dobre utilidade, pois mellorará a empregabilidade dos participantes e incrementará o enorme interese paisaxístico, natural e histórico que garda o conxunto formado pola fábrica da luz e a Fervenza de Segade".
As obras a levar a cabo por parte do alumnado na formación práctica irán dirixidas á recuperación paisaxística dos carreiros da antiga central hidroeléctrica e da contorna da Fervenza de Segade, co obxectivo de que poidan incorporarse de forma segura e adecuada ao esquema de roteiros e espazos públicos do municipio, así como evidenciar a súa importancia como lugar de interese patrimonial e paisaxístico na contorna, xogando un papel fundamental á hora de mellorar a calidade de vida dos cidadáns e atraer turismo de calidade.
Relacionadas:
-
A recuperación da contorna de Segade centrará as prácticas dun novo obradoiro de emprego
Por Redacción |
-
O obradoiro de emprego de Caldas de Reis cumpre un trimestre con traballos moi avanzados en Segade
Por Redacción |
-
Caldas inaugura o seu obradoiro de emprego dual centrado no Camiño Portugués
Por Redacción |
-
A Fábrica de Luz en Caldas acolle obras de urxencia para mellorar a súa seguridade
Por Redacción |