Luz azul na Casa Consistorial e na Deputación para conmemorar o Día Mundial da Diabetes
Por Redacción
Con motivo do Día Mundial da Diabetes, que se celebra este sábado 14 de novembro, as institucións de Pontevedra mostran o seu compromiso e apoio aos padecentes desta enfermidade a través de diversas accións.
Este venres despregábase unha pancarta conmemorativa no edificio municipal da Casa da Luz. Participaron neste acto o tenente de alcalde de Pontevedra e concelleiro de Deportes, Actividade Física e Saúde, Tino Fernández; o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; o senador Modesto Pose, como presidente da Comisión de Sanidade do Senado; e as representantes da Asociación de Nenos, Nenas e Adolescentes con Diabetes (ANEDIA) Charo Lafuente e Sonia Fontán.
Esta pancarta encádrase dentro dos actos programados por ANEDIA e o Concello de Pontevedra para facer visible esta enfermidade e a actividade do colectivo.
O serán deste venres concitou o ancendido dunha iluminación de cor azul que tinguiu os edificios da Casa Consistorial, na praza de España, e a sede da Deputación de Pontevedra na avenida de Montero Ríos, e que estará prendida durante toda a fin de semana.
A Deputación tamén difundirá nas redes sociais un vídeo sobre a doenza e as deputadas Olga García e Ana Laura Iglesias participarán na entrega de premios da VII Milla Solidaria, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.
A cor azul que tinguirá o Pazo provincial e o Consistorio de Pontevedra durante a fin de semana é a protagonista do propio logotipo do Día Mundial da Diabetes, un círculo azul que representa á enfermidade e quere transmitir un significado positivo de vida e saúde. Esta cor, amais, é a mesma que a da bandeira das Nacións Unidas, poñendo en valor tamén a unidade da comunidade internacional en resposta á diabetes.
DÍA MUNDIAL DA DIABETES
O Día Mundial da Diabetes celébrase o 14 de novembro, coincidindo co aniversario de Frederick Banting, quen con Charles Best concibiu a idea que os conduciría ao descubrimento da insulina, en 1921. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), dende 1980 o número de persoas con diabetes tense cuadriplicado no mundo, afectando a 422 millóns de persoas. En España ao redor de seis millóns de persoas sofren a enfermidade.
Neste 2020, o Día Mundial da Diabetes celébrase co lema 'Diabetes: O persoal de Enfermaría marca a diferencia', enxalzando o papel clave deste persoal no coidado, educación e apoio das persoas con diabetes.
Relacionadas:
-
'Manuela é nova na escola', un libro de Os Bolechas para normalizar a diabetes nos colexios
Por Natalia Puga |
-
Marta Casanova pulveriza o récord galego de milla en pista no evento solidario organizado por Anedia
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
A VII Milla Solidaria Anedia, limitada a 160 participantes e retransmitida vía streaming
Por Redacción |
-
Deporte e contacontos para concienciar sobre a diabetes
Por Manu Otero |
-
Medio milleiro de persoas correron na sexta Milla Urbana Anedia
Por Diego Torrado |