Educación reabrirá Primaria na escola de Verducido de maneira "inmediata"
Por Alejandro Espiño
A Xunta de Galicia non recorrerá a sentenza do xulgado do contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra que lle obriga a reabrir a unidade de Primaria que, por baixa matrícula, decidiu pechar este curso na escola unitaria de Verducido.
Educación confirmou a PontevedraViva que acatará a sentenza e poñerá en marcha todos os mecanismos administrativos necesarios para cumprila.
Neste sentido, o luns cargarase a vacante do posto de profesor no sistema e, en canto se cubra, as autoridades educativas reabrirán a unidade para escolarizar nela a todas as alumnas que solicitaron praza.
Nos próximos días, Educación poñerase en contacto coas familias para informarlles desta nova decisión e indicarlles o procedemento que deberán realizar para incorporar de maneira inmediata aos seus fillos ás aulas.
Esperan que todo este proceso estea completado ao longo da próxima semana.
Educación destaca en todo caso que a sentenza deste xulgado pontevedrés está baseada unicamente nunha cuestión de forma, ao considerar que houbo un erro no procedemento administrativo que derivou no peche da unidade de Primaria de Verducido.
TINO FERNÁNDEZ CELEBRA O "TRIUNFO" DOS VECIÑOS
O concelleiro de Educación en Pontevedra, Tino Fernández, sinalou que esta sentenza é un "triunfo" dos veciños de Verducido e do "sentido común" que, para el, debe imperar nas administracións na toma de decisións deste tipo. A medida da Xunta era "arbitraria", engadiu.
"Toman medidas apresuradas sen ningún tipo de meditación nin consenso que logo se volven contra eles", apuntou o edil socialista.
Relacionadas:
-
Educación confirma que a escola de Verducido non terá Primaria o próximo curso
Por María José Pita & Mónica Patxot |
-
O PSOE esixe á Xunta que recupere os servizos suprimidos na escola unitaria de Verducido e no colexio Barcelos
Por Redacción |
-
Bará pide á Xunta que "depure responsabilidades" en Sanidade e Educación polos últimos "varapaos xudiciais"
Por Oskar Viéitez |
-
Piden o cesamento do xefe territorial de Educación, por actuar "irregularmente" coa Escola de Verducido
Por Redacción |
-
A xustiza ordena a Educación reabrir a unidade de Primaria pechada na escola de Verducido
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello esixe a Educación manter o ciclo de Primaria na escola de Verducido
Por Alejandro Espiño |
-
Verducido mobilízase contra o peche de Primaria na súa escola unitaria en plena pandemia
Por Redacción |