Os Reis Magos xa contan con 436 cómplices en Pontevedra
Por Redacción
De novo, Pontevedra ofreceu unha extraordinaria resposta á campaña solidaria (en)Volve, impulsada pola concellería de Benestar Social en colaboración coa Fundación Meniños, co obxectivo de que ningún neno, nena ou adolescente quede sen o seu agasallo de Nadal.
En apenas dúas semanas, xa se conseguiu a adhesión de 436 cómplices dos Reis Magos.
A campaña, que este ano se iniciou con antelación con respecto a edicións anteriores para poder planificala con tempo e garantir a seguridade para todas as persoas implicadas, ten confirmadas a emisión de 463 cartas por parte dos nenos.
Destas, xa foron enviadas un total de 393 e 126 agasallos xa foron recibidos.
"A solidariedade sempre agroma nos pontevedreses á hora de axudar e de tentar facer felices aos máis vulnerables da nosa sociedade, máxime nestas datas e neste contexto tan sensibles", destaca o concelleiro Marcos Rey.
A principal novidade deste ano é que só se entregarán as cartas vía whatsapp, evitando así o contacto presencial tanto coas familias receptoras dos agasallos como cos cómplices que participan. Só se acudirá de xeito presencial á Casa Azul para a entrega do agasallo.
Todos aqueles que queiran converterse en cómplices das súas Maxestades de Oriente deberán encher un formulario que poderán descargar nesta ligazón.
Os agasallos terán un importe máximo de 35 euros. Para calquera dúbida, a concellería de Benestar Social e a Fundación Meniños estarán á disposición da cidadanía a través dos teléfonos de contacto 678 75 49 33 e 604 08 14 72.
Relacionadas:
-
Meniños completa o número de cómplices para agasallar a menores de familias desfavorecidas
Por Redacción |
-
Pontevedra xa ten máis cómplices dos Reis Magos que menores sen recursos que necesitan agasallos
Por Redacción |
-
A pandemia adianta e fai máis necesaria a campaña de agasallos de Nadal 'En-volve'
Por Redacción |