Rescatan catorce sendeiristas de tres familias diferentes de Pontevedra que se extraviaron en Ponte Caldelas
Por Redacción
Catorce persoas, seis delas menores de idade, foron rescatadas pola Garda Civil tras extraviarse mentres practicaban sendeirismo pola ruta do río Verdugo, en Ponte Caldelas. Todos eles eran membros de varias familias diferentes de Pontevedra.
O operativo de rescate activouse ás 18:45 horas deste sábado despois de que un dos excursionistas chamase ao teléfono 062 da Garda Civil.
Estas persoas, que formaban parte de tres familias diferentes de Pontevedra, cada unha delas con dous menores, "coincidiron casualmente" segundo a Garda Civil realizando a ruta coñecida como Sendeiro Azul do Río Verdugo.
Para localizalas foi necesario percorrer a pé uns cinco quilómetros por ambas as marxes do río, salvando as dificultades do terreo, a climatoloxía adversa e a escuridade da noite.
Foron localizados dúas horas despois da chamada en perfecto estado, a pesar dalgunha caída leve que sufriran.
Algún dos sendeiristas estaba moi asustado e os nenos, que tiveron que ser evacuados da zona realizando unha cadea humana, estaban especialmente nerviosos.