Ferido un vecino da Illa tras envorcar o seu coche na Autovía do Salnés
Por Redacción
Aparatoso pero, afortunadamente, sen apenas consecuencias. Así foi o accidente que se rexistrou este domingo na Autovía do Salnés, ao seu paso polo municipio de Sanxenxo.
Un home, veciño da Illa de Arousa, resultou ferido despois de que o vehículo no que viaxaba saíra da estrada e acabase envorcado sobre a calzada.
O accidente produciuse pouco despois das nove e media da mañá.
Ata o lugar desprazáronse efectivos de Emerxencias de Sanxenxo, a Garda Civil de Tráfico e do 061, que mobilizou unha ambulancia.
Non foi necesario excarcerar ao ferido, xa que puido saír do coche polo seu propio pé. O persoal sanitario, tras atender ao ferido en punto do accidente, trasladárono ao hospital.
Aínda que estaba consciente, preferiron que fora examinado polo golpe na cabeza que recibiu como consecuencia do accidente.
O home era o único ocupante do coche que, doutra banda, sufriu numerosos danos.