Agárdase a chegada de chuvias a partir da noite do martes ás Rías Baixas
Por Redacción
Este luns 16, Galicia atópase baixo a influencia anticiclónica. Os ceos permanecerán durante toda a xornada pouco nubrados ou despexados. As temperaturas mínimas situaranse sobre os 8 graos, experimentando un notable descenso, mentres que as máximas manteranse sobre os 18. O vento soprará frouxo de compoñente sur, segundo as previsións do servizo de Meteogalicia.
A partir do martes, as Rías Baixas situaranse baixo a influencia das altas presións, coa chegada dunha fronte ao final do día que entrará pola zona oeste. Espérase unha xornada de ceos pouco nubrados ou despexados en xeral, pero a partir de media tarde, as nubes baixas entrarán polo litoral atlántico e durante a noite van presentarse as choivas tanto na provincia de Pontevedra como na da Coruña.
As temperaturas situaranse entre os 8 e os 22 graos, cun moderado ascenso nas máximas. O vento soprará moderado de compoñente sur, con intervalos fortes en toda a costa atlántica.
O mércores 18, Galicia atoparase nunha situación intermedia entre o anticiclón centrada na península Ibérica e a borrasca que se situará no litoral portugués. Os ceos presentaranse parcialmente cubertos, con máis nubes nas provincias de Pontevedra e A Coruña, onde se agardan as choivas máis persistentes.
As temperaturas mínimas experimentarán un moderado ascenso, mentres que as máximas descenderán lixeiramente para establecerse entre os 12 e os 19 graos. O vento comezará moderado de compoñente sur e irá cambiando a moderado de compoñente norte ao final do día.
A situación anticiclónica volverá presentarse a partir do xoves 19. Será unha xornada de tempo seco e de sol. Haberá a posibilidade de que se rexistren bancos de néboa nas primeiras horas e algún intervalo de nubes baixas que deixarán paso a ceos despexados. As temperaturas descenderán entre lixeira e moderadamente situándose entre os 10 e os 16 graos. O vento soprará frouxo de compoñente norte.
Presentarase un estado intermedio ata a fin de semana, coa posibilidade de que se ofreza un tempo cambiante, con alternativas de nubes e claros, pero con baixa probabilidade de que se rexistren choivas. As temperaturas pasarán a establecerse entre os 9 e os 16 graos, por baixo do habitual para esta época do ano.