As pontes de Pontevedra estrearán iluminación para o próximo Nadal
Por Natalia Puga
As pontes das Correntes e os Tirantes e a pasarela peonil da Illa das Esculturas de Pontevedra terán nova iluminación para o próximo Nadal. Para esa data está previsto que estean terminados os traballos que a empresa Setga prevía realizar xa meses atrás, pero que tivo que parar porque o confinamento derivado da pandemia da covid-19 motivou problemas de suministración e que non puidesen ter as pezas necesarias.
Os traballos empezarán finalmente esta semana e teñen un prazo de execución dun mes. O Concello adxudicou o contrato á empresa Setga xa no mes de marzo por 430.000 euros, pero, cando se dispoñían a empezar a traballar, atopáronse coa falta de subministración, de modo que solicitaron ao Concello a suspensión temporal das obras ata contar con todo o material necesario.
Segundo informou a voceiro do Goberno local, Anabel Gulías, unha vez que xa contaron coas subministracións necesarias, pediron que se levantase esa suspensión temporal e terán un mes para realizar esta nova iluminación, financiada dentro do convenio asinado entre o Concello e a Deputación de Pontevedra.
A iluminación da ponte das Correntes terá de 106 proxectores LED RGBW en pezas de aceiro inoxidable para ocultalas, con control único programable (cor, aceso), moi similar ao que xa se estreou o pasado verán na ponte do Burgo.
A ponte dos Tirantes irá con luces brancas para iluminar os tirantes e as columnas (substituíndo os proxectores actuais) e tamén se iluminará o taboleiro mentres que a pasarela peonil terá unha intervención respectuosa coa contorna natural e dispoñerá de cordóns leds nos tirantes e proxectores no arco para as persoas que camiñan.
Este proxecto xa fora adxudicado en xullo de 2018 á empresa Copcisa, aínda que se rescindiu o contrato ante a imposibilidade de executala e finalmente o pasado mes de marzo, nos primeiros días do estado de alarma, volveu adxudicarse a Setga.
Relacionadas:
-
Pontevedra estrea paisaxe nocturna coa nova iluminación das súas pontes
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Catro pontes sobre o Lérez estrearán en xaneiro unha iluminación de cores acompasada
Por Redacción |
-
A iluminación das pontes de Pontevedra levará a sinatura de Setga
Por Alejandro Espiño |
-
Luces de cores para a ponte das Correntes e brancas para a dos Tirantes
Por Oskar Viéitez |